23 de mar. de 2017

A GUARDA

O Padroado Municipal "Monte Santa Trega" dálle os parabéns á proposta Porta do Trega  

A partir de agora comeza a fase de redacción deste proxecto que está financiado pola Dirección Xeral de Turismo que ten unha reserva de 200.000€ para investir no Trega este ano 2017



Infogauda / A Guarda

 No pleno do Padroado Municipal "Monte Santa Trega", celebrado onte mércores día 22 de marzo debateuse a proposta de remodelación do espazo de recepción de visitantes e caseta de cobro de acceso ao Trega. Esta actuación, que xa recibira os parabéns da Comisión permanente, formada polas Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos e polo Concello de A Guarda, foi aprobada por unanimidade dos membros presentes do pleno do padroado.  

 Fai uns meses a Comisión permanente decidiu encargar a redacción desta proposta ao arquitecto guardés Mauro Lomba Martínez, proposta que el mesmo tivo a oportunidade de presentar a todos os membros do padroado.   


 Basicamente a proposta do arquitecto guardés consiste na construción dunha nova caseta de cobro cos espazos adecuados para o desenvolvemento do traballo que controlará os tres carrís da estrada que sube ao monte; un para o control de visitantes, un carril de servizo para as persoas que suban a desenvolver o seu traballo e profesionais de reparto e un carril de baixada. Na zona do “atallo” peonil máis próxima á caseta proponse a instalación de dúas pequenas edificacións: unha que sirva de zona de recepción e información ás persoas que soben a pé ao Trega e a outra para servizo do encargado da caseta. 

 Estas edificacións, que distan algo máis de 100 metros, irán unidas por unha lámina que quedará perfectamente integrada no bosque e que simboliza a porta de entrada a unha das iconas da paisaxe e do patrimonio máis importantes de Galicia. A obra deberá contemplar a rexeneración forestal con especies autóctonas do ámbito de actuación.  

 A partir de agora comeza a fase de redacción deste proxecto que está financiado pola Dirección Xeral de Turismo que ten unha reserva de 200.000€ para investir no Trega este ano 2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario