9 de mar. de 2017

A GUARDA

Nenos e nenas da Guarda celebraron o Día Internacional da Muller co cinema itinerante de “A Caixiña dos Mistos"   

“A caixiña dos mistos, o cinema máis pequeno do mundo” estivo na Alameda da Guarda, o día 8 de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller
Foto. C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 “A caixiña dos mistos, o cinema máis pequeno do mundo” estivo na Alameda da Guarda, o día 8 de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller. O éxito foi absoluto e as nais, pais e os nenos da Guarda quedaron gratamente satisfeitos coa iniciativa organizada polo CIM da Guarda e subvencionada pola Deputación de Pontevedra.  

 Esta proposta consistiu nunha caravana itinerante na que se proxectan diversas curtametraxes e contido audiovisual e que vai dirixida a nenos de 3 a 12 anos, que poden acceder a esta orixinal sala de proxección en grupos que non superen os 20 integrantes.   

 "A Caixiña dos Mistos" leva percorrendo numerosas localidades galegas dende 2009 e chegou á Guarda para ofrecer aos cativos e cativas da vila unha experiencia innovadora e próxima coa que achegarse a un tema de tanta relevancia na actualidade como é o da igualdade entre homes e mulleres.  

 Deste xeito, os rapaces e rapazas puideron desfrutar dunha tarde diferente, onde dunha maneira amena e divertida, visualizaron diferentes curtametraxes co trato igualitario como tema principal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario