27 de mar. de 2017

A GUARDA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá o porto e a lonxa da Guarda 

A Xunta de Galicia prevé rematar en seis meses a reparación e reforzo do dique do porto da Guarda danado en febreiro polo temporal Kurt 

Esta obra supón un investimento de 834.000 euros e é a máis destacada das requiridas polos danos do temporal

Os traballos deron comezo nos últimos días, foron tramitados polo procedemento de emerxencia e céntranse na reposición do dique e do contradique que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas  

A Consellería do Mar tamén acometeu melloras na lonxa dese municipio, onde habilitou unha zona para uso da confraría de pescadores da localidade

Rosa Quintana esta mañá no porto da Guarda

Infogauda / A Guarda

 A Consellería do Mar prevé rematar en seis meses a reparación e reforzo do dique do porto da Guarda, danado en febreiro polo temporal Kurt, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan e non existan imprevistos. Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita que realizou esta mañá a esta obra, que comezou nos últimos días. Tamén destacou que esta actuación, na que se invisten 834.000 euros, é a máis importante das requiridas polos danos do temporal, que supuxeron un investimento total de 1,4 millóns de euros.
 Durante a visita, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a titular de Mar explicou que as obras, que deron comezo nos últimos días, foron tramitadas por procedemento de emerxencia ante a urxencia da actuación para minimizar situacións de risco para os usuarios do porto e o global da cidadanía.
 A conselleira sinalou que os traballos se centran na reposición do dique e o contradique de abrigo do porto guardés, que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas. Deste xeito, as obras devolverán a estrutura danada ás súas condicións habituais, dotando ao porto de seguridade e operatividade, sinalou a titular de Mar.
As obras consisten fundamentalmente na reparación e reforzo do contradique mediante bloques de formigón de 130 toneladas na zona máis próxima ao morro, así como a reposición de bloques de 50 toneladas na zona central e no arranque e reforzo con escolleira de máis de 5 toneladas da parte interior da dársena.
Reforma da lonxa

 A conselleira do Mar visitou tamén as obras de reforma do edificio da lonxa, xa rematadas. Estes traballos consistiron na habilitación dunha zona para uso da confraría de pescadores da localidade e na renovación de elementos en cumprimento da normativa de aforro enerxético.

 En concreto, a actuación supuxo a habilitación dunha sede administrativa para os traballadores da confraría de pescadores e unha ampliación de espazos de 45 a 61 metros cadrados. Con estes traballos, explicou a titular de Mar, búscase impulsar a centralización e unificación de servizos, tanto da lonxa como da confraría, así como dinamizar a actividade da rula. Así mesmo, contribúese tamén a dotar de maior accesibilidade e visibilidade a actividade da confraría e minimízanse os gastos cun mellor aproveitamento dos recursos ao unificar servizos e instalacións de lonxa e confraría. Nesta obra, a Consellería do Mar investiu 43.000 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario