27 de mar. de 2017

VAL MIÑOR

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, trasladoulle hoxe aos alcaldes de Nigrán e Gondomar que antes do verán se contratarán as obras da senda entre Gondomar e A Ramallosa 

Ethel Vázquez avanza que a Xunta de Galicia comezará a finais deste verán unha nova senda entre a travesía de Praia América e o paseo ata Baiona, na estrada PO-325, cun investimento duns 390.000 euros 

Vázquez Mourelle indica que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación desta senda para peóns e ciclistas, que estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita

Sinala que tamén se mellorará o firme e se renovará a beirarrúa da marxe esquerda nesta zona e aproveitaranse os traballos para substituír o alumeado, no lado esquerdo; e instalar a canalización para futuros servizos  Informa das melloras introducidas no proxecto da senda entre Gondomar e A Ramallosa, na estrada PO-340, un proxecto ambicioso que contempla 3,5 km de itinerario peonil e ciclista que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros  

Para garantir a funcionalidade da nova senda, melloraranse as interseccións coa rúa Vilariño, coa estrada a Golada, e en dirección a Donas, nas que se facilitarán os cambios de sentido en condicións de maior seguridade  

A conselleira pon en valor estes dous proxectos que facilitarán os percorridos, a pé e en bici, dos veciños e turistas que se achegan a Nigrán e a Gondomar; e incidirán nunha mobilidade sustentable e no reforzo da seguridade viaria  

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta contempla un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Nigrán, Juan González, e de Gondomar, Francisco Ferreira

Infogauda / Val Miñor

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Nigrán, Juan González, e de Gondomar, Francisco Ferreira, aos que lle avanzou que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación das obras da nova senda na estrada PO-325, que comezarán a finais deste verán e terán un investimento duns 390.000 euros.
 O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao carril bici e á senda peonil existente, que finaliza actualmente ao termo da travesía de Praia América. Para iso, construirase unha senda duns 300 metros, que fará chegar a senda actual ata o comezo do paseo existente ata Baiona.
 A senda, que será de uso mixto, para peóns e ciclistas, terá un ancho de 2,5 metros e estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita ata o límite do dominio público, sen ser necesarias expropiacións. Tamén se mellorará o firme e renovarase a beirarrúa da marxe esquerda.
 Ademais, aproveitaranse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír a iluminación, no lado esquerdo; e realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.

Senda entre Gondomar e A Ramallosa


 Por outra parte, na reunión de hoxe, a conselleira tamén informou aos rexedores das melloras introducidas no proxecto de construción da nova senda que se executará entre Gondomar e A Ramallosa, na estrada PO-340.

 Vázquez Mourelle subliñou que se trata dun proxecto ambicioso que inclúe 3,5 km de senda peonil e ciclista na que se investirán arredor de 1,5 millóns de euros. Precisou que esta actuación xa se someteu a información pública e prevese iniciar a contratación das obras antes do verán.
 O itinerario terá un ancho aproximado de 2 metros e estará separado da calzada por unha zona axardinada, ademais de bordos de formigón onde sexa posible. Elevarase uns centímetros respecto á cota da estrada e executarase en formigón coloreado, co obxectivo de incidir na súa diferenciación visual.
 Para garantir a funcionalidade da nova senda, acometeranse melloras en tres interseccións: coa rúa Vilariño, próxima ao IES Escolas Proval, construirase un cambio de sentido con carril central para facilitar os xiros; no cruzamento coa estrada a Golada, próximo ao centro de saúde Val Miñor, converterase en semicircular a isleta existente para permitir os cambios de sentido; e no cruce coa estrada a Donas executarase unha glorieta, tal como formularon os concellos, para facilitar os xiros á esquerda.
 A conselleira fixo fincapé nestes dous proxectos que pretenden facilitar os percorridos, a pé e en bici, dos veciños e dos turistas que se achegan a Nigrán e a Gondomar; ao tempo que se promove unha mobilidade sustentable e se incide no reforzo da seguridade viaria.
 Estas actuacións están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta recolle un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario