10 de mar. de 2017

A GUARDA

APROBACIÓN DEFINITIVA DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DO CONCELLO DA GUARDA PARA 2017

"(...) Deste xeito A Guarda conta para este ano cuns orzamentos aprobados de maneira definitiva que permitirán cubrir dun xeito máis satisfactorio as necesidades dos veciños do municipio, quedando mellor estruturadas as partidas dos diferentes servizos (...)"

Vista parcial da Praza do Reló, onde se atopa a Casa do Concello de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda 

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside Antonio Lomba Baz, ven de faer público que "o pasado día 23 de febreiro quedou definitivamente aprobado o orzamento do Concello da Guarda para o ano 2017. Os orzamentos foran aprobados inicialmente no mes de decembro, logo de conversas cos diferentes grupos da oposición que se iniciaron en novembro. No mes de decembro obtiveron a aprobación inicial e xa nese plenario se indicou que era moito mellor aprobar uns novos orzamentos que prorrogar os de 2015 debido a que co novo orzamento se atenden mellor as necesidades e demandas dos veciños da localidade.  

 Unha vez obtida a aprobación inicial, o orzamento pasou o trámite de exposición ao público e se presentaron dúas alegacións, unha do Partido Popular e outra dun particular que foron informadas negativamente tanto polo secretario como pola interventora do concello. Así, no mes de febreiro levouse ao pleno o rexeitamento das dúas alegacións  e ao obterse este rexeitamento quedou aprobado definitivamente o orzamento para 2017.  

 Neste orzamento a principal e máis importante modificación atinxe aos servizos socias, que ven incrementadas as súas partidas en 100.000€, ascendendo a cantidade total para este departamento aos 500.000€. Esta dotación vai adicada ao servizo de axuda no fogar, á dependencia, á cota que se paga polo programa de xantar na casa, ao servizo de CIM (un dos máis valorados da provincia), xa que conta con traballadora social, psicóloga, avogada e psicólogo infantil; e ao propio departamento de servizos sociais que está constituído por unha asistente social, unha técnica, unha auxiliar administrativa e unha educadora. Trátase dun servizo que ademais atende as emerxencias sociais que se producen na nosa localidade e que teñen unha moi variada casuística. A isto temos que engadir a colaboración de asociacións que no noso concello traballan estreitamente co departamento de Servizos Sociais como son Cruz Vermella, San Vicente de  Paul ou Conrazones.   

 Tamén existe un incremento na contía que se adica a determinadas asociacións que modificaron as súas características, cousa que non se podería atender de prorrogarse os orzamentos de 2015. O Concello da Guarda é un dos que máis adica a subvencións destinadas a entidades de carácter social, deportivo e cultural debido á riqueza, calidade e variedade das organizacións que desenvolven un traballo diario, de xeito continuo e altruísta, que engrandece a nosa vila. A estas e ao seu traballo, adicamos en total arredor dos 145.000€.  

 Por outra banda este orzamento permite un maior axuste das partidas orzamentarias para conseguir unha mellor prestación dos diferentes servizos públicos e ser máis efectivos e eficaces ao introducir partidas para mellorar o funcionamento da propia administración, programas de xestión de persoal, programa de axuda no fogar, mellora da paxina web (na que se está traballando), a administración electrónica, a adquisición de material informático (xa moi obsoleto no noso concello), a redacción do Plan de accesibilidade, a elaboración da RPT ou a rectificación do inventario.  

 Todo isto nun contexto de estabilidade orzamentaria, sen incrementar os impostos e taxas municipais e reducindo a débeda cos bancos para o cal no ano 2017 adicaremos 150.000€  en conceptos de amortización máis intereses, ata situar a débeda cos bancos do Concello da Guarda  na cifra case simbólica de 150.278,16€.   

 Deste xeito A Guarda conta para este ano cuns orzamentos aprobados de maneira definitiva que permitirán cubrir dun xeito máis satisfactorio as necesidades dos veciños do municipio, quedando mellor estruturadas as partidas dos diferentes servizos, que agora conseguirán adaptarse mellor á realidade en continuo cambio e evolución da vila".

Ningún comentario:

Publicar un comentario