9 de feb. de 2017

OIA

O deputado Santos Héctor visita obras en Oia financiadas polo Plan Concellos 2016 da Deputación 

O deputado delegado de Turismo lembrou que o investimento do Plan para este ano 2017 en Oia é de máis de 430.000 €  

O deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, visitou esta mañá en Oia as obras no parque infantil de Viladesuso e no campo de fútbol das Tornas
Foto: D. P.

Infogauda / Oia

 O deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, visitou este xoves en Oia as obras no parque infantil de Viladesuso e no campo de fútbol das Tornas, que inclúen a reparación de elementos de xogo e a incorporación doutros novos no campo de fútbol, así como a reposición de area e caucho e a fixación de elementos de protección destes equipamentos municipais.  

 A Deputación de Pontevedra achegou 17.700,52 euros para estas obras, enmarcadas na liña 1,  de investimentos, do Plan Concellos 2016. Santos Héctor Rodríguez subliñou que "contribuirán, sen dúbida, a que as veciñas e os veciños de Oia gocen do seu tempo de lecer".  

 O deputado provincial lembrou que o Plan Concellos 2016 destinoulle ao concello de Oia 415.315 euros, un 19 % máis que en 2015, e que este ano 2017 serán 433.637,55 €, o que representa un 4,41 % máis de achegas que en 2016, case dous puntos máis que a media do incremento na provincia. 

 O deputado de Turismo tamén recordou que "durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra fixo un investimento global en Oia que superou os 554.000 euros, facendo que os veciños e as veciñas deste concello puidesen ter unha mellor calidade de vida", e reiterou que "este Goberno provincial seguirá apostando polos pequenos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".

Ningún comentario:

Publicar un comentario