8 de feb. de 2017

GOIÁN

CINEMA

O CINECLUB POLEIRO ABORDA O DRAMA DA INMIGRACIÓN 

CUN DOCUMENTAL SOBRE A TRAXEDIA HUMANITARIA NA ILLA DE LAMPEDUSA E A CURTAMETRAXE LURNA DIRIXIDA POR NANI MATOS

O venres, 10 de febreiro, ás 21:00 H., no Auditorio de Goián, proxecta FUOCOAMMARE (FOGO NO MAR) a primeira das películas do ciclo “MUROS. DÚAS OLLADAS SOBRE OS CONFLICTOS MIGRATORIOS”, con entrada de balde



Rita Alonso / Goián

 O Cineclub Poleiro programa, fora das suas habituais sesións, un ciclo de dúas películas que nos achegan á inmigración, á traxedia dos que escapan de guerras, fame e persecucións, explotados polas mafias, perseguidos polos seus gobernos e discriminados nos países nos que esperan ser acollidos.   

 O venres, 10 de febreiro, no Auditorio de Goián, ás 21:00 horas, proxéctase FUOCOAMMARE, Fogo no Mar. Un documental dirixido por Gianfranco Rosi, que acadou o Oso de Ouro no Festival de Berlín e o premio ao mellor Documental europeo.    

 Fuocoammare é unha incisiva viaxe á illa de Lampedusa, o punto máis meridional de Italia e entrada a Europa dos inmigrantes. Unha metáfora dos soños esperanzas e desgracias de milleiros de persoas que perseguen a vida e atopan a morte.  Neste traballo, Rosi, cruza a chegada a Lampedusa de milleiros de inmigrantes coa vida dos habitantes desta illa siciliana, en concreto coa dun rapaz de doce anos que quere sair dela.  

 Durante 2016 faleceron cinco mil persoas en augas do Mediterráneo tentando entrar en Europa. Son un 25% máis que en 2015.  Unha media de catorce persoas ao día. Un triste récord.  

 O sábado, 18 de febreiro, ás 21:00 horas o realizador guardés Nani Matos presenta LURNA, a súa terceira produción. Narra a historia dunha muller senegalesa que busca en Galicia unha vida mellor. 

 O director presentará o seu traballo e o “making of”, o “como se fixo” nunha sesión con sorpresas. 

 As dúas películas son de balde.   

 O Cineclub Poleiro conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño e da Federación de Cineclubes de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario