21 de xan. de 2017

GASTRONOMÍA

A Ruta da Lamprea promovida por Turismo de Galicia recibe o premio Excelencias Gourmet no marco de Fitur 

Nava Castro foi a encargada de recibir o galardón concedido a este produto turístico diferenciador baseado no milenario peixe de gran tradición e arraigamento en Galicia que foi posto en marcha o pasado ano

O premio é concedido anualmente polo Grupo Excelencias co obxectivo de fomentar a calidade en diferentes ámbitos, todos eles relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura  

Nesta XII edición elixíronse aos gañadores entre unha ampla e variada selección de candidaturas recibidas de todo o mundo

A Ruta da Lamprea promovida por Turismo de Galicia recibiu, no marco da 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, o premio Excelencias Gourmet 

Infogauda / Galicia

 A Ruta da Lamprea promovida por Turismo de Galicia recibiu, no marco da 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, o premio Excelencias Gourmet que concede anualmente este grupo co obxectivo de fomentar a calidade en diferentes ámbitos, todos eles relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura.
 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de recibir este galardón de mans do presidente do Grupo Excelencias, José Carlos de Santiago, a este produto turístico diferenciador baseado no milenario peixe de gran tradición e arraigamento en Galicia que foi posto en marcha o pasado ano.
 Esta ruta gastronómica comprende dezaoito municipios galegos situados nas beiras do Miño, Ulla e Tambre combinando o compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas destes tres ríos coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna.
 Así, a través da Ruta da Lamprea pódense descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.
 Deste xeito, este innovador produto turístico da a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos.
 Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.
 Con todo, a Ruta da Lamprea potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que integra a través de diversos itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo.
 Premios Excelencias
 Os Premios Excelencias foron creados fai doce anos polo Grupo Excelencias e desde hai uns anos entréganse, ademais, os Premios Excelencias Gourmet.
 Este ano trátase dunha edición especial, xa que o Grupo conmemora o seu XX Aniversario xunto ao X aniversario da creación de Excelencias Gourmet.
 Os premiados son seleccionados por un xurado formado por sete personalidades de diferentes países, do mundo do turismo, a arte, e a gastronomía, encabezados polo Presidente do Grupo Excelencias.
 Nesta XII edición elixíronse aos gañadores entre unha ampla e variada selección de candidaturas recibidas de todo o mundo. Ademais, por primeira vez, o público tivo oportunidade de votar as candidaturas finalistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario