O segundo número de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid, réndelle tributo a Sabino Torres
Valentín García participou hoxe ao mediodía no acto de presentación desta publicación que viu a luz na tertulia literaria do Grupo Bilbao na que participou o escritor e editor galego
‘Sabino Torres. Baixo o peito a ferida’ recupera o lema da colección Benito Soto, a primeira de poesía galega de posguerra que el mesmo cofundou en 1949
Infogauda / Madrid
O segundo número de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid réndelle tributo a Sabino Torres, escritor e editor galego falecido en maio do pasado ano, que impulsou canda Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira a devandita publicación no marco da participación de todos eles na tertulia literaria do Grupo Bilbao no Café Comercial de Madrid.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou os tres integrantes do equipo responsable da edición e redacción da revista no acto de presentación dos dous volumes saídos do prelo ata o momento, celebrado na Libraría Couceiro. Na súa intervención, García Gómez quixo lembrar a Sabino Torres como “unha das figuras claves da cultura galega, impulsor e mecenas da literatura escrita na lingua propia de Galicia e decano dos editores galegos”.
Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid
Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid viu a luz en abril de 2016 a raíz dunha proposta feita polo propio Sabino Torres de publicación dunha revista semestral de poesía con textos de poetas galegos participantes, canda el mesmo, na tertulia literaria do Grupo Bilbao no Café Comercial de Madrid, xusto antes de que por mor do peche deste local tivesen que trasladarse á Cafetería Santander.
O primeiro número saíu do prelo tres semanas despois do pasamento de Sabino Torres, polo que non chegou a velo impreso. Baixo o lema ‘O Grupo Bilbao no Café Comercial’, ofrece dous poemas de Sabino Torres que conforman Noites con Violeta, unha obra inédita del.
O segundo número, publicado este mesmo mes co subtítulo ‘Sabino Torres. Baixo o peito a ferida’, recupera o lema da famosa colección Benito Soto, a primeira de poesía galega de posguerra que el mesmo cofundou en 1949 en Pontevedra xunto con Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás e que lle debe o seu nome ao pirata da Moureira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario