16 de xan. de 2017

CULTURA

A Deputación de Pontevedra edita "Camiño aberto", unha compilación de materiais relativos á conmemoración do centenario do nacemento de Lueiro Rey 

Será presentado este martes día 17 de xaneiro, ás 20:00 horas no Arquivo provincial   

Manuel Lueiro Rey


Infogauda / Pontevedra

'Camiño Aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916 - 2016', editado pola Deputación con motivo da conmemoración do centenario do nacemento do autor, será presentado este martes día 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Arquivo provincial. O volume, coordinado por Ramón Nicolás, compila diverso material relativo ás actividades que durante o 2016 se celebraron con motivo deste centenario, e inclúe unha biografía vital e profesional do autor homenaxeado que se acompaña dunha ampla escolma de material gráfico.  

 O libro recolle o mesmo título que a exposición itinerante que durante o pasado exercicio percorrera diversas localidades da provincia, e que contara cun importante apoio por parte da Deputación. Comeza cun repaso cronolóxico da vida, obra e traxectoria de Manuel Lueiro Rey, e inclúe reproducións de portadas da súa obra e dalgunhas das súas colaboracións en prensa. Recolle ademais un apartado de 'epistolario cos amigos' no que se reproduce correspondencia con Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane. O libro complétase con citas e textos de escritores e lectores sobre Lueiro, e con reproducións de obra plástica inspirada na súa obra. Ademais da compilación dos materiais citados, o volume tamén inclúe achegas asinadas por Helena Villar Janeiro, Mercedes Queixas Zas, Marcos Abalde, Silvia Penas, Luís Cochón, Eli Ríos, Miguel Cuña, Ramón Rozas, e Xesús Alonso Montero, así como de representantes da Deputación, e dos concellos de Pontevedra e Fornelos de Montes.  

 Manuel Lueiro Rey, nacido en Fornelos pero enraizado en O Grove, foi unha figura relevante da denominada 'Xeración do 36', destacando nas súas facetas de poeta e xornalista. Actualmente tanto o concello de Fornelos de Montes como o de O Grove manteñen viva a súa memoria convocando sendos certames baixo o seu nome. No caso de Fornelos a través do 'Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey', e no de O Grove co 'Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario