16 de xan. de 2017

A GUARDA

A GUARDA RECIBIRÁ ESTE ANO CASE 800.000 EUROS DO PLAN CONCELLOS, DA DEPUTACIÓN 

Un 7,4 % máis que en 2016, 4 puntos máis que a media provincial 

O Plan da Deputación para 2017 achégalles unha media dun 3 % máis de cartos aos concellos da provincia; A Guarda, cunha suba de case 53.000 euros, é un dos máis beneficiados 

Vista parcial do miradoiro do Pirún, construido e rehabilitado con colaboura da Deputación de Pontevedra
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 A Deputación de Pontevedra achegaralle en 2017 un 7,43 % máis de recursos ao Concello da Guarda no marco do Plan Concellos, un incremento que vén dado polas novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, este municipio da comarca do Baixo Miño recibirá un total de 765.965,35 €, 52.996,09 € máis que en 2016, ano no que xa tivo un 30 % de incremento respecto do 2015 (o que se traduciu en 164.699,30 € máis). Á marxe do Plan Concellos, A Guarda recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.  

 Investimentos totais durante 2016  
 Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou á Guarda case un millón de euros,  989.204,05 €, dos cales 712.969,26 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 103.390,63 € en cohesión social e xuventude, 24.106,83 € en cultura e lingua, 38.891,52 € para o fomento do emprego, 21.292,75 € para o impulso do deporte, 7.132,49 € para a igualdade entre mulleres e homes e 4.666,96 € para medio ambiente. 

 En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 419.296,87 € destinados ao pavillón de Solanas e o seu equipamento deportivo, o aforro enerxético na iluminación pública, a ampliación do parque infantil da Alameda, o parque de San Lourenzo, mobiliario urbano, a praza de abastos, a adquisición dunha varredora, a fortaleza de Santa Cruz, mobiliario da Casa dos Alonso, a reparación do campo de fútbol municipal da Sangriña e o proxecto de rehabilitación e construción do miradoiro do Pirún.  

 Na liña 2 destináronse 106.945,39 euros a amortizacións. Ademais, recibiu 26.689,50 € na liña 3 para o Entroido 2016, Noites do Castelo 2016, Exposición 2016, Feira do Libro 2015, Andainas 2016, Torneo de Xadrez, Atletismo na Natureza 2016 e a IX Gala do Deporte 2016. Grazas á liña 4 creáronse 24 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 160.037,50 €. Así mesmo, destináronse 13.333,32 € para o sendeiro azul da Guarda; 1.407,63 € para o convenio entre a Deputación e os concellos da Guarda, O Rosal e Oia para a sinalización da Ruta BTT do Suroeste; 3.621,95 € para o plan de equipamentos deportivos e 58.390,80 € para o II Plan de Emprego.  

 Á marxe do Plan Concellos 2016, A Guarda recibiu 24.106,83 € para o fomento da cultura e a lingua, con 42 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como coas axudas á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 103.390,63 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociaiscomunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia ou ben mediante os programas "En ruta coa Depo", "Depotermal", "Tecendo lazos", "Depo en marcha", "DepoRúarte" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 30 nenas e nenos do concello.  

 Do mesmo xeito, A Guarda recibiu 21.292,75 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra e diversas actividades deportivas e as escolas deportivas provinciais, así como 38.891,51 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello da Guarda. Tamén se achegaron 7.132,40 € para o fomento da igualdade a través do programa "Conectadas 2016", as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista, e outros 4.666,96 € destinados á Confraría de Pescadores Santa Tecla, da Guarda, para investimentos na lonxa e vixilancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario