30 de xan. de 2017

A GUARDA

O HISTORIADOR JOAQUÍN MIGUEL VILLA ÁLVAREZ PRESENTOU SEU TERCEIRO LIBRO SOBRE A SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA

Nun Centro Cultural ao completo

O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo González, co historiador - no centro da imaxe - Joaquín Miguel Villa Álvarez 
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Este ano 2017 conmemorase unha data moi sinalada para municipio da Guarda e a súa historia: o centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), e o sábado día 28 de xaneiro tivo lugar a primeira das actividades programadas para celebralo.  


 Nun Centro Cultural completamente cheo, o historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez presentou o seu libro "La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (3ª parte: 1939-1979) Una larga y fructífera permanencia". Trátase da terceira e última parte da súa triloxía sobre a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, creadora do propio Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, e que completa os dous anteriores volumes publicados en 2004 e 2014. 


 Ao acto acudiron numerosas autoridades locais e provinciais, así como veciños da Guarda e doutras vilas da contorna. Os encargados de inaugurar o evento foron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo González.   

 O alcalde deu comezo á presentación agradecendo a tódolos asistentes por encher o Salón de Actos, demostrando así a gran importancia que esta data tiña para toda a Comarca do Baixo Miño. Ademais, puxo en valor o traballo de J. Miguel Villa e da propia Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, á que asegurou os guardeses lle deben o traballo de dar a coñecer a riqueza da xoia que é o Monte Santa Trega e aos que se pode considerar como os pioneiros do turismo da Guarda.  


 Pola súa banda o concelleiro de Patrimonio tamén destacou e agradeceu a asistencia dos presentes a unha presentación que se ofrece tras varios anos de traballo de investigación e documentación do historiador acerca da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla e do propio Monte Santa Trega. Ademais mostrou o seu agradecemento persoal a J. Miguel Villa por invitalo a presentar este libro, para o cal falou de xeito detallado do autor, do contexto histórico que abarca a obra (1939-1979) e do propio libro.  

 Tras a introdución do alcalde e do concelleiro, o autor realizou a presentación dunha obra coa que, afirmou, pecha unha triloxía que lle permitiu ter o pracer de estudar a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. Para o autor a importancia desta sociedade, que considera unha das entidades culturais máis importantes da Guarda e de Galicia, e mesmo de España, radica en que conseguiron que o Monte Santa Trega sexa a día de hoxe o segundo lugar máis visitado de toda Galicia, tras a Catedral de Santiago. 

 Esta terceira parte é a máis ampla e complexa das tres, xa que comprende un período de tempo máis amplo e recente. Isto supuxo para o autor vantaxes e inconvenientes. Por un lado, existen máis fontes documentais (unha das grandes fortalezas da súa obra) e testemuñas que podan aportar datos o acaecido durante o período. Pero por outro tamén hai máis versións contraditorias entre os que viviron eses anos, polo que é máis importante acudir a fontes documentais.  

 As palabras do autor, do concelleiro e do alcalde durante a presentación estiveron acompañados de documentos gráficos de gran valor que se podían ver na pantalla do escenario como vídeos de acontecementos históricos da época, fotografías dos seis presidentes que tivo a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla durante eses 40 anos, ou imaxes das diversas fontes e materiais documentais ás que tivo acceso o autor para realizar a obra. 


 Despois da presentación o autor asinou os libros que os asistentes adquiriran antes do evento, pois tanto antes como despois xa se puxeron á venta, dando por rematada así a que foi para todos unha velada histórica para a vila da Guarda e para os guardeses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario