30 de xan. de 2017

A GUARDA

A CIG SAÚDA O ACORDO QUE GARANTE A ACTIVIDADE DE ASTILLEROS JOAQUÍN CASTRO, DA PASAXE (CAMPOSANCOS)  

A empresa foi recuperada grazas a un plan de viabilidade promovido pola central 


Infogauda / A Guarda

 A CIG vén de amosar a súa satisfacción polo acordo asinado entre Astilleros Joaquín Castro da Guarda e a Entidade Local Menor de Camposancos, para a utilización durante 30 anos máis dos terreos que ocupa a empresa, que recuperou a súa actividade tras catro anos e medio grazas a un plan de viabilidade promovido pola central xunto cos traballadores
  
 Xulio Vicente, da CIG - Construcción salientou que “o acordo entre a compañía e a Entidade Local Menor permitirá o uso dos terreos, que pertencen a Camposancos, polo menos 30 anos máis, o que garante o mantemento dos 18 empregos actuais e a supervivencia dunha empresa que vén de pechar carga de traballo para outros dous ou tres anos. Ademais, existe a previsión de ampliar o cadro de persoal até as 30 persoas.  

 A recuperación da actividade en Astilleros Joaquín Castro, que permaneceu catro anos e medio sen traballo, foi posíbel - indicou Xulio Vicente - grazas ao plan de viabilidade promovido pola CIG co obxectivo de atopar novos propietario ante a incompetencia da anterior dirección”

 Dende a central agradecen a colaboración do alcalde guardés, aínda que botan de menos que o acordo para o arrendamento dos terreos non chegase antes, xa que a demora puxo en perigo a viabilidade da empresa. Ao tempo, agradecen as xestións e apoio da oposición -liderada polo BNG- ás demandas dos traballadores.  

 “Agardamos que a partir de agora tanto o Concello da Guarda como a entidade local menor de Camposancos colaboren para que a empresa se manteña nesa ubicación”, indican dende a central. Lembran que se trata dunhas das compañías máis importantes do Baixo Miño que estaba a piques de pechar cando a CIG decidiu promover a súa recuperación porque non estabamos de acordo coas indemnizacións que ía recibir o cadro de persoal”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario