DEU COMEZO NA GUARDA O CURSO DE EDUCACIÓN PARA ADULTOS
Preparatorio das probas libres de E.S.O.
O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Patrimonio, Deporte e Formación e Emprego, Manuel Javier Crespo González, asistiron o comezo do curso
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Onte mércores día 25 de
xaneiro iniciouse na Guarda o curso de educación para adultos de preparación
das probas libres para obter o título de Graduado en E.S.O.
Un ano máis, como
vén sendo habitual, o concello da Guarda organiza este curso, que sempre ten excelentes resultados e unha
alta demanda. Para o curso deste ano inscribíronse un total de 36 persoas e o
curso deu comezo con 30 persoas, quedando o resto en lista de espera. Entre os
alumnos participantes existe unha elevada porcentaxe de xente moi
xove, de entre 17 a 21 anos. Non obstante, a maioría de asistentes, un 47% dos
inscritos, pertence ao rango de idade que vai dos 21 aos 40 anos. Ademais, o
curso conta con case paridade en canto a asistencia de homes e mulleres.
As clases do curso
impartiranse en horario de mañá de luns a xoves no Sinde Vello. A primeira
convocatoria para realizar as probas libres da E.S.O. realizarase o vindeiro
mes de maio, pero o curso desenvolverase ata o mes de setembro, cando os
alumnos terán unha nova oportunidade coa segunda convocatoria.
Comeza así unha
acción formativa que se leva a cabo na Guarda tódolos anos e que está
financiada con fondos propios do concello, sendo de balde para os alumnos.
Levar a cabo este curso supón un importante esforzo económico para o concello
que, non obstante, ten tamén un alto beneficio pois repercute de maneira moi
positiva nos alumnos. Trátase dunha gran oportunidade para que
aquelas persoas que non conseguiron o graduado na ESO, ou aqueles que debido a
súa idade xa están fora do ámbito escolar, podan preparar as probas para obter
o certificado de educación obrigatoria e deste xeito ter maiores posibilidades
de acceder ao mercado laboral ou continuar cos seus estudos. Dende o concello
da Guarda animan a tódolos asistentes ao curso, pois con ilusión e esforzo
seguro que aproveitarán ao máximo as clases e serán capaces de aprobar os
exames e obter o título de graduado en ESO, que lles permitirá mellorar tanto
no eido profesional como persoal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario