28 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

LUÍS BARÁ: “SE HAI UNHA FORMACIÓN QUE TEN UN MODELO DE MOBILIDADE CLARO E ALTERNATIVO É O BNG”

O candidato pola provincia de Pontevedra nas eleccións galegas presenta o modelo de mobilidade paras as estradas da Xunta

Mellorar a seguranza, mellorar a accesibilidade e priorizar a mobilidade peonil e ciclista, eixos do modelo

Luís Bará atendendo os medios de comunicación social antes de comezar á marcha simbólica en bici

Infogauda / Pontevedra

 Denunciar o mal estado e a perigosidade das estradas galegas, todas elas con falta de seguridade viaria e mantemento, con nulos investimentos e unha rede viaria deseñada en función do automóbil e presentar as propostas que defende o BNG para cambiar as prioridades, e desenvolver un novo modelo de mobilidade na rede de estradas, primando a seguranza viaria, a accesibilidade, e as formas amábeis de mobilidade, principalmente a peonil e ciclista. 

Luis Bará saíndo en dirección a Poio

 Con este dobre obxectivo o candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará fixo unha marcha simbólica en bici dende a praza do Concello de Pontevedra até o Casal de Ferreirós, en Poio. 

 A situación actual é a seguinte: 
- Rede viaria deseñada en función do automóbil, mal conservada, con moi poucos investimentos en seguranza viaria. Un exemplo a vía pola que descorreu a marcha, a PO-308 Pontevedra-Sanxenxo. 
- Contornas urbanas e interurbanas hostís, agresivas, perigosas, con absoluta primacía do automóbil: sensación de risco, perigo e accidentes. 

 “Temos altísimas cotas de siniestralidade nas estradas galegas, ao redor de 100 vítimas mortais anuais e moitas máis que resultan feridas e custos económicos globais de máis de 1.000 millóns por causa da violencia viaria” lembra Luís Bará. “É insostíbel”, subliña. 

MODELO ALTERNATIVO 
 Fronte a esta realidade o BNG ten un modelo claro, un modelo alternativo, que pasa por cambiar as prioridades, centrando os esforzos en 3 ámbitos: 
- Priorizar os investimentos en conservación da rede viaria actual e na mellora da seguranza viaria, incluíndo medidas de pacificación e calmado de tráfico 
- Mellorar a accesibilidade (pensando nas persoas con diferentes discapacidades) 
- Potenciar as formas de mobilidade amábel e sustentábel, principalmente a mobilidade peonil e ciclista 
- Creación de itinerarios peonís seguros e accesibeis 
- Crear condicións favorábeis para a mobilidade ciclista nas estradas 
- Crear vías ciclabeis alternativas cando sexa posíbel (nas que prime a mobilidade recreativa, deportiva e de lecer). 

 Complementariamente: potenciar o transporte por ferrocarril (servizo de cercanías) e o transporte público. 

SOMOS QUEN 
“Se hai unha formación política que pode presentar un modelo de mobilidade claro, alternativo é o BNG: temos a experiencia, temos a solvencia, temos o coñecemento e temos tamén a práctica de telo feito, por exemplo, no Concello de Pontrevedra onde desenvolvemos un proxecto que está sendo premiado en todo o mundo, estámolo facendo tamén na Deputación e queremos levar este modelo á Xunta de Galiza: un modelo propio, alternativo, exitoso, beneficioso desde o punto de vista humano, social e ambiental e que salva vidas e aforra moitos recursos”, explicou o candidato. 

 “Temos unha aposta clara por formas de mobilidade amábel, sustentábel, priorizando a mobilidade peonil e ciclista, por unha mobilidade que salva vidas e que aforran custos que poden adicarse a outras cousas”, concluíu Luís Bará.

GOIÁN

VII MINHO REGGAE SPLASH

2 e 3 de setembro


Infogauda / Goián

 Con máis comodidades, máis espazo e rodeados de natureza, así é como regresa o festival Minho Reggae Splash que por sétimo ano será o encargado de pechar a tempada festivaleira a primeira fin de semana de setembro. Dous días cheos de obradoiros, conferencias,  actividades deportivas  e  artísticas,  espectáculos, feira de artesanía e,  por  suposto,  moito  reggae.  Bandas  internacionais  e nacionais  que converterán novamente ao Baixo Miño no referente do reggae nacional.

 O festival Minho Reggae Splash celebra a súa sétima edición no concello de Tomiño, na parroquia de Goián, como vén facendo dende hai catro anos. Nesta edición cunha nova localización para o recinto de concertos que estará situado a poucos metros do Espazo Fortaleza ao carón do río, con praia fluvial, zona de descanso, aparcadoiro e todas as facilidades precisas  para  pasar unha  fin  de  semana  gozando  da  música  e  das actividades que nos propón a asociación viguesa, que leva traballando a prol deste estilo musical dende hai sete anos.

 Poderase gozar dos concertos, de todas as actividades e da zona de acampada por 25  euros. Este é  prezo do abono reducido de dous días que dá dereito a participar en todas as actividades e acceso ao recinto de concertos. Aqueles que queiran ir só un dos dous días, poderán facelo por 15 euros. O billete tamén poderá adquirirse no propio recinto do festival por 29 euros os dous días.

 Dende hai sete anos o  Festival Minho Reggae Splash é unha cita ineludible para os amantes do reggae e dos ritmos xamaicanos. Pero tamén para todos aqueles que lles guste descubrir novas músicas, artistas de calidade e, sobre todo, pasar unha fin de semana inesquecible, polo bo ambiente, a cordialidade e a gran variedade da oferta lúdica e de lecer que ofrecen en  todas as súas edicións. Esta non vai ser menos, e o festival cumprirá o seu sétimo ano de vida, como un dos festivais de referencia de toda España e do Norte de Portugal.

 Actividades para todos os públicos e todas as idades. Unha das característicasprincipais do Minho Reggae Splash é a diversidade de público que atrae. Dende os cativos da casa até os máis maiores, aqueles que son uns apaixonados da música como os que queren pasar unha fin de semana diferente. Isto conséguese grazas á variedade e calidade das actividades que se programan, todas elas dirixidas por persoal especializado no ramo e con temáticas innovadoras que non contan cunha difusión maioritaria.

OS CONCERTOS MERGÚLLANSE NA NATUREZA


 Rodeado de árbores, ao carón do río, con Vila Nova de Cerveira á fronte, nun espazo máis accesible e cómodo, así é como se presenta este ano o novo recinto de concertos, que se traslada a poucos metros da que fora a súa localización habitual, o Espazo Fortaleza. 

 Coa finalidade de facilitarlle ao público o acceso ao festival e a participación nas actividades programadas ao longo da fin de semana, o recinto, este ano sitúase ao carón da zona de acampada e no seu interior celebrarase a feira de artesanía e disporase de postos de comida. 

 Tamén se achegan as actividades da programación paralela ao público, e para iso habilitarase un set próximo á zona de descanso.

CONCERTOS
Venres
23.00 High Paw
00.30 Ganjahr Family
02.00 Transilvanians
03.15 Dub Corner: Real Rockers e Junior Dread

Sábado
22.15 Bush Doctors
23.45 Angatu
01.15 Vivian Jones
02.45 The Tuff Lions
04.00 Dub Corner: Webcam Hi-Fi Zion Irie

PROGRAMACIÓN PARALELA
OBRADOIROS
12.00 – 13.00 Andaina: Biodiversidade no Esteiro do Miño 13.00 – 14.00 Ioga e Tai Chi
14.00 – 15.00 Iniciación á meditación

ESPECTÁCULOS
13.00 – 21.00 Bababoom Soundsystem
17.00 – 18.00 Maxia co mago Eloy
19.00 – 20.30 Espectáculo circense “Makinolas presents The Galician Mistic Cabaret”
20:30 a 21:30: Session Nyabinghi por Tuff Lions

CHARLAS
15.00 – 16.00 Charla e degustación cervexa artesá
16.00 – 17.00 Federación de Asociacións Cannábicas
18.00 – 19.00 Banco de Sementes Autóctonas de Galicia

GOIÁN, CAPITAL DO REGGAE
 A Asociación Minho Reggae continúa apostando pola calidade e a innovación á hora de escoller ás bandas que van participar na sétima edición do festival. Músicos chegados de Reino Unido, Brasil, Francia, Portugal e de toda a xeografía española que nos levarán até a esencia do reggae. 

 Clásicos do ámbito internacional como o xamaicano Vivian Jones pero tamén bandas emerxentes como os vigueses High Paw. Do Roots máis clásico á fusión con ritmos étnicos, como é o caso dos franceses Tuff Lions. Sons que chegan coa frescura da música que se está a facer na outra marxe do Atlántico, da man dos brasileiros Angatu. Tamén clásicos da escena autonómica, os coruñeses Bush Doctors e a explosión de enerxía que chegará cos Transilvanians e a Ganjahr Family.

 Unha programación que pechará o venres e o sábado no Dub Corner con grandes nomes da escena internacional: dende Porto chegan os Real Rockers, dende São Paulo, con máis dunha década de traxectoria, Junior Dread e Webcam Hi-Fi, un dos principais produtores de reggae-dub francés e responsable do selo Tube Dub Sound, que estará acompañado polo seu singjay Zion Irie.

VIVIAN JONES

 O artista de orixe xamaicana foi un dos pais do reggae británico. Roots dos setenta e oitenta na voz dun dos grandes da escena internacional que leva catro décadas riba dos escenarios e que nesta ocasión estará acompañado no VII Minho Reggae Splash pola Elephants Band. Será a primeira vez que toque en Galicia e única oportunidade para escoitar a súa música en directo en España neste 2016.

 Dende o seu primeiro disco “Bank Robbery” (1984) xa pasaron moitos anos, moitos escenarios, colaboracións e países, pero Vivian Jones continúa mantendo a esencia da súa música e producindo. Unha das súas últimas publicacións chegaba o ano pasado da man do selo londiniense Lana Sound e o single “Roots Daughter”.

 O artista ofrecerá un repaso polos clásicos dos máis de dez discos que ten publicados dende que comezou a súa carreira en solitario 1980 porque Vivian Jones, foise facendo unoco nos inicios do reggae británico dos setenta con bandas como os “The Spartans”, “The Doctor Birds” and “The Mighty Vibes and The Pieces”, para logo continuar o seu camiño en solitario.

TUFF LIONS


 Dende Francia chegan os The Tuff Lions, unha das propostas máis interesantes que se está a desenvolver máis alá dos Pirineos. Con seis músicos de moi distinta procedencia, culturas e xeracións, a banda uniuse en 2011 tomando como referencia os grandes nomes do reggae internacional. A súa proposta combina tradición e contemporaneidade cunha gran riqueza instrumental onde as percusións tradicionais do Nayabinghi toman protagonismo para crear cancións comprometidas e conscientes, que falan da espiritualidade, o amor e a tolerancia.

ANGATU


 O reggae brasileiro non faltará a súa cita co Minho Reggae Splash e achegamos, como cada ano, unha das propostas máis innovadoras que se pode escoitar arestora na outramarxe do Atlántico. Chegan dende Florianópolis, do estado de Santa Catarina, con letras positivas e sons que beben do Hip-Hop, do Ska, Jazz e MPB. 

 En 2014 publicaron o seu primeiro disco “A Vida Que Eu Sempre Quis”. Trece cancións nas que contaron coa colaboración das cantantes xamaicanas do Groundation e as voces de Pablo Seea Rasta, Fyah Rocha (Banda do GrooVI) e Leonardo Frodo Barbosa. Na actualidade están traballando na gravación do seu segundo traballo, que contará con catorce novas composicións que adiantarán no concerto que ofrecerán o sábado no escenario principal do Minho Reggae Splash. 

GANJAHR FAMILY


 Son un dos referentes do estilo no ámbito estatal. A Ganjahr Family nacía en 2004 da man do gaditano Daniel Canela a.k.a. Ras Canelow e o galego  Pablo Leyenda a.k.a. Donpol. Na súa proposta musical podemos atopar referencias a todos os estilos que abarca o reggae pero os seus sons móvense entre o new roots e o dancehall.

 Ras Canelow representa a potencia e a intensidade, con letras directas e un rexistro agresivo, disparando a súa lírica coma se dunha metralladora se tratase. Donpol, pola contra, posúe un rexistro moito máis melódico, co que executa belas harmonías e rimas pegadizas. O resultado é unha mestura explosiva chea de frescura e orixinalidade.

 En 2009 presentaron o seu primeiro disco “Karamawi”, ao que lle seguiron “No Podrán” (2012) e outras producións que teñen como última referencia o EP “Global”, que publicaron a finais do pasado ano xunto aos madrileños Positive Vibz, con sete temas cheos de enerxía, positividade e mensaxe consciente.

BUSH DOCTORS


 Como plataforma de lanzamento e difusión do reggae que se fai en Galicia, este ano non podía faltar un dos pioneiros na escena galega que regresa aos escenarios logo de tres anos de silencio. Os coruñeses Bush Doctors, que farán un repaso a súa traxectoria que comezaba en 1994, como unha das primeiras bandas de música xamaicana da nosa Comunidade.

 Logo de tres anos traballando en proxectos paralelos e difundindo a cultura e a música reggae a través da Asociación Cultural Negus, reaparecen na escena con algúns dos seus membros orixinarios pero tamén con moitas caras novas.

TRANSILVANIANS


 Rocksteady, Dub, R&B xamaicano, soul, funk e a proposta que veñen facendo os vigueses Transilvanians dende 2004 e que presentarán no Minho Reggae Splash. Sete músicos que proveñen de estilos moi diferentes pero que teñen como nexo de unión a súapaixón pola música dos sesenta, o western, a ciencia ficción e o xénero de terror.

 Cun directo cheo de forza e enerxía positiva farán bailar a todo o público o venres contemas do seu último disco “Echo, vibes & Fire” (2014) pero tamén de “Vampire Lover” (2010). A súa música xa os levou por medio mundo con xiras por Bélxica, Francia, Alemaña, Holanda ou Portugal.

 Ademais do seu propio traballo tamén colaboran de xeito habitual con outros artistas como backing band, e xa teñen acompañado en directo ou estudio a lendas da música xamaicana como Roy Ellis (a.k.a. Mr. Symarip, co que rexistraron un single en 2012), Winston Francis, Yvonne Harrison ou Roy Panton.

HIGH PAW


 A artista viguesa é unha das grandes promesas do reggae galego, cunha gran potencia vocal, presentará no Festival Minho Reggae Splash o seu novo disco, que vén de publicarse o pasado mes de xullo “ Searching for the recipe”, oito cancións que teñen como referencia a música xamaicana e o soul. Estará acompañada no escenario por algúns dos músicos da Elephants Band.


 Moita música pero tamén espectáculos de rúa con actividades de circo, obradoiros relacionados coa música, a natureza e o deporte, charlas e encontros cos artistas. O Festival Minho Reggae Splash non só ofrece concertos senón tamén cultura e diversidade e así se demostra na súa programación.

 Entreter, divertir pero tamén difundir novas culturas, novas tendencias, concienciar e ampliar os nosos horizontes. Para que o público se mergulle na cultura reggae e en todas as correntes que o rodean haberá obradoiros nos que músicos profesionais darán a coñecer os ritmos tradicionais xamaicanos e africanos dos que naceu este estilo. 

 Non faltarán tampouco os espectáculos de circo, que xa son un clásico do festival. Malabares, pantomima, acrobacias, trucos e bromas nas que tamén o público pasará a ser parte do espectáculo.

 Actuacións cheas de sorpresas e orixinalidade, que encherán o recinto do VII Festival Minho Reggae Splash durante toda a tarde do sábado. Tanto grandes como pequenos poderán gozar dun espectáculo para todas as idades onde  as gargalladas están aseguradas. Pero tamén poderemos converternos en clown e pallasos por un día grazas o taller de Artes Circenses  onde estes artistas ensinarannos algúns trucos de maxia e malabares ademais de como fabricalos.

 A natureza e o deporte centrarán tamén parte das actividades  paralelas  que se celebren na praia fluvial de Goián  durante  a  fin  de  semana  do 2 e 3 de setembro. Sendeirismo,  actividades  acuáticas,  voleibol,  súmanse  á oferta do festival e poderán realizarse nas proximidades do recinto. Ademais de coñecer a riqueza paisaxística e natural deste espazo, considerado como zona de Especial Conservación dos Valores Naturais, do río Miño. Para iso nada mellor que o roteiro que se vai realizar pola senda á beira do río, que une as praias fluviais de Goián e a de Eiras, no Rosal. Un antigo camiño de pescadores recuperado agora con madeira e area que  permite  percorrer o traxecto tanto  a  pé  como  en  bicicleta.

 Tamén  teremos  a oportunidade de iniciarnos no ioga e o tai-chi, prácticas que nos permitirá coñecer un pouco máis o noso corpo e a nosa mente na procura do equilibrio. E para afondar nesta área tamén teremos a oportunidade de iniciarnos na meditación cun obradoiro no que se darán a coñecer as pautas básicas para poder realizalo por nós mesmos.

 Nesta sétima edición ampliamos a programación paralela con charlas. As conferencias  versarán  sobre  temas  tan diversos como a cultura cannábica que impartirá a Federación de Asociacións Cannábicas, ou sobre a recuperación e protección das variedades propias da nosa terra que ofrecerá o Banco de Sementes Autóctonas de Galicia e como non podía ser doutro xeito tamén falaremos de cervexa artesá, logo de que este ano o Festival crease a súa propia cervexa, “Selectah”, que dende hai uns meses xa se pode degustar nalgúns establecementos do sur da provincia de Pontevedra e que non faltará na fin de semana do 2 e 3 de setembro en Goián. Un creación de Vacaloura e Trisk-Ale Cervezas, en colaboración coa Asociación Minho Reggae, organizadora do festival.


 Ademais da degustación de tres cervexas artesás, tamén coñeceremos o seu proceso de elaboración e os segredos que agocha a nosa cervexa. 




 O  festival Minho Reggae Splash tamén quere ser unha plataforma de difusión e promoción da artesanía. Así dende o venres e até o domingo, artesáns locais pero tamén chegados de toda España amosarán os seus produtos, exclusivos e orixinais: roupa, cosmética, complementos, etc.. Produtos moi variados que non só poderemos mercar senón que tamén coñeceremos, nalgúns casos, como se fan con exhibicións in situ de cestería e cerámica, entre outras. Un xeito de recuperar as tradicións e as técnicas ancestrais da nosa cultura.


 Os asistentes ao VII Minho Reggae Splash contarán con zona de acampada gratuíta a poucos metros do recinto de concertos. Deste xeito a organización do evento quere facilitar  ao  público  a  asistencia,  ofrecendo  un  espazo onde  poder  pasar  toda  a  fin de semana sen ter que desprazarse. Os  que  así  o  desexen  disporán  dun  espazo de  acampada  de  4.000  metros  cadrados preto do río. Un piñeiral onde todas as tendas poderán estar á sombra, ademais de dispor de baños e todos os servizos mínimos para poder gozar da fin de semana.

 O espazo estará delimitado e será controlado durante os dous días por  persoal da organización para garantir unha convivencia respectuosa e o coidado do espazo. Aqueles que veñan  en  caravana  ou  furgoneta tamén  terán  un  lugar habilitado con sombra  para  poder  descansar  ademais  dun aparcadoiro para os coches. O espazo de acampada abrirase ao público o venres e pechase o domingo.

 No recinto haberá un posto de información sobre o festival e a acampada. A todos os campistas  entregaráselle  unhas normas básicas  de  obrigado  cumprimento,  que teráncomo premisa básica o respecto aos demais usuarios e ao entorno, xa que un dos obxectivos do VII Minho Reggae Splash e promover e fomentar unha cultura e estilo de vida respectuosos co medio ambiente e a natureza, así como a convivencia cordial cos demais.

COMO CHEGAR


 Pódese acceder en coche pola estrada PO-552 que comunica Tui e a Guarda. O recinto  sitúase próximo ao quilómetro 71. Dende Portugal, o máis sinxelo e chegar pola Ponte da Amizade que une Vila Nova de Cerveira e Goián. Se decidides vir en coche, compartilo é a mellor opción. Porén dende a páxina web do festival pódese acceder á plataforma Amovens que vos permitirá buscar compañeiros de viaxe no caso de que teñades un oco libre no voso vehículo ou procurar unha praza para vós. Un sistema sinxelo e cómodo que permite non só aforrar na viaxe e coñecer xente senón coidar o medio ambiente.

 Tamén se pode chegar en autobús ou tren tanto dende Vigo como dende Portugal. Nestas direccións atoparedes os horarios, paradas e prezo dos billetes.




VALENÇA / TUI

TRILHOS EUROCIDADE
VALENÇA-TUI

CAMIÑO DE SANTIAGO 24 E 25 DE SETEMBRO, 2016



Informa: Club Deportivo Andatui Regodapedra / Tui

 Percorre con nós o tramo do camiño portugués nos municipios de Valença e Tui.  

 O primeiro día por terras portuguesas e o segundo por terras galegas, saíndo de Portugal.  

 Podes inscribirte para os dous días ou para un só.

CULTURA

Preto de 30 obras concorren á segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora 

Os traballos gañadores deste certame promovido pola Xunta de Galicia e pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal coñeceranse a final de ano 

Infogauda / Santiago de Compostela

 Preto de 30 obras de autores e de autoras galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos concorren á segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora, promovido pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT).
 Concluído o prazo para a presentación de orixinais o pasado 15 de xullo, as tres entidades darán a coñecer os traballos gañadores a final de ano, no marco dunha sesión que se realizará no país veciño, logo da reunión do xurado, conformado este ano polos escritores galegos Antón Riveiro Coello e Carlos Arias, polo editor Carlos Lopes, pola escritora Olinda Beja e mais por Maria Geraldes, do AECT.
 O Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora é unha das iniciativas que se enmarcan no memorando de entendemento subscrito en 2015 pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola AECT.
Reforzar o diálogo cultural entre Portugal e Galicia
 Dotado con 2.000 euros, o certame ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.
 Na primeira edición do premio, a obra gañadora foi ‘Clementina’, de Lara Dopazo Ruibal, que se publicará a finais deste ano. Tamén recibiu unha mención de honra o traballo ‘Coração cheio de nada', da autoría de João Maria Cardoso.

DEPORTES

PIRAGÜISMO

RESULTADOS HISTÓRICOS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE EUROPA EN SOLKAN 

Manuel Ochoa formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, e se fixeron coa prata nunha baixada perfecta

 Manuel Ochoa, Eneko Auzmendi e Nil García, medallas de prata K1 Júnior masculino
Foto: Real Federación España de Piragüsimo

Informa: Rosa Fernández Carrera

 Do 25 ao 28 deste mes están tendo lugar os Campionatos de Europa de Slálom na cidade eslovena de Solkan. Dous piragüistas do Club Deportivo Miño - Teixugos entraron a formar parte do equipo nacional. 

 Luis Fernández participou na modalidade C1 sub-23. Na mañá do mércores fixo a súa primeira baixada, rematando décimo dun total de 40 participantes e pasando directo a semifinais. Na mañá do sábado, nas semifinais, fixo unha baixada sen fallos, pero non deu entrado en finais, rematando décimo quinto. 

 Manuel Ochoa participou en K1 júnior. Na mañá do mércores non se deu clasificado para semifinais na primeira manga, pero si na segunda, rematando vixésimo octavo dun total de 61 participantes. Na mañá do sábado, fixo unha baixada rapidísima e sen fallos que o meteu en finais na sexta posición. Xa na final, volveu facer outra baixada perfecta que lle valeu unha sexta posición no Campionato de Europa. 

 No venres tiveron lugar as competicións por equipos, Luis formou parte do equipo español de patrullas C1 sub-23, xunto a Lluis Pares e Jordi Tebe, rematando duodécimos. 

 Manuel formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, equipo que nos deixou as portas da medalla no mundial de Cracovia, e que no europeo se fixeron coa prata nunha baixada perfecta, con apenas dous toques de penalización, rematando segundos por detrás dos alemáns. 

 Remata aquí unha tempada na que Os Teixugos e os piragüistas galegos de augas bravas fixeron historia. Nunca tantos galegos foron quen de entrar no equipo nacional, o que da fe do bo traballo da Federación Galega e o Centro Galego de Tecnificación, e do seu adestrador Ekhi Diez. 

 Parabéns a Ainhoa Lameiro e Miguel Angel Lorenzo do Penedo e a Luis Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa, dos Teixugos. 

 O slalom galego facendo historia! 

VÍDEO I: Manuel Ochoa nas finais do Campionato de Europa

VÍDEO II: Luis Fernández nas semifinais do Campionato de Europa

VÍDEO III: Manuel Ochoa nas semifinais do Campionato de Europa

A GUARDA

INFORMACIÓN DO CONSERVATORIO DE MÚSICA DE A GUARDA

Conservatorio de Música / A Guarda

 O conservatorio informa que toda persoa interesada en aprender a tocar un instrumento pode pasarse polas instalacións do conservatorio. O prazo será do 1 ao 6 de setembro en horario de 10:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 h.. 

 Os instrumentos que se ofertan son violín, viola, guitarra española, guitarra eléctrica, piano, gaita, trompeta, trompa, trombón, tuba, clarinete, frauta e saxofón. Hai que lembrar que as prazas son limitadas e xa non hai prazas nalgúns instrumentos. 

 A matrícula será o 7 de setembro de 10:00 h. a 13:00 h..

SALVATERRA DE MIÑO

FESTIVAL DA POESÍA NO CONDADO, 2016
XXX EDIÇOM
2-3 de setembro
Centenário das Irmandades da Fala


SCG CONDADO

Sexta-feira, 2 de setembro   
20:00 | Apertura exposicións 
Infinito. Daniel Pérez 
Debuxos de negros de Castelao (Cedidos por Editorial Galaxia) 
100 anos. Irmandade da Fala de Compostela




20:30h | Noite nas Minas* 
Rochi Nóvoa. Poesia 
Sofía Espinheira. Concerto  

* Entrada 10€·8€ (desempregadas) 
Reserva de bilhetes: 
info@scdcondado.org – 646 95 95 87

23:00h |Festa rachada & Caldo verde
O Puto Coro do Exército Froilanista 
Ronco&foll 
Espalda Kemada

Sábado, 03 de setembro  
11:30 | Feira de colectivos e artesanato  

11:30 |Bilharda 
Aberto da Poesia (Liga Nacional de Billarda). 

11:30 |Passa-Ruas 
Ronco&foll.  

11:30 | Comboio de baixa velocidade  

12:00 | Poesia 
Abordaxe poética no comboio de baixa velocidade.  

13:00 | Presentaçom 
As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro. Ed. Galaxia  

13:30 | Sessom vermute 
KNeves no Autoblues Chicago-Fornelos. Servizo discrecional Ronco&foll  

17:00 | Festa Infantil 
‘Cóxegas’ (busca do tesouro) 

17:00 | Audiovisual 
Seleçom de curtas do Festival de Cans Mans Mortas, de Daniel Pérez e Adrián González



18:00 | Teatro 
A lingua na boca. Letras, riscos e pensamentos de Castelao, de Limiar Teatro  

18:00 | Poesia 
Assinatura de livros das poetas participantes. 

19:00 | Poesia 
Abordaxe poética no campo da festa.  

19:00 |Poesia
Antía Otero &Isaac Garabatos  

19:30 | Poesia 
Xuventude Imbécil  

20:30 | Música&Poesia 
Apresenta: Xurxo Souto 
Leitura do limiar, por Xurxo Martínez 

Poesia: Emma Pedreira, Mário J. Herrero, Rui Spranger, Ana Romaní, Aurora Boreal, Oriana Méndez, Jesús Castro, Manolo Pipas, Lara Dopazo, Antón Blanco

Música

  Zurrumalla

   Sokram

   Familia Caamagno

   Selecta Alice
  

· Comboio de baixa velocidade 
· Feira de artesanato e coletivos 
· Zona de campismo