28 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

LUÍS BARÁ: “SE HAI UNHA FORMACIÓN QUE TEN UN MODELO DE MOBILIDADE CLARO E ALTERNATIVO É O BNG”

O candidato pola provincia de Pontevedra nas eleccións galegas presenta o modelo de mobilidade paras as estradas da Xunta

Mellorar a seguranza, mellorar a accesibilidade e priorizar a mobilidade peonil e ciclista, eixos do modelo

Luís Bará atendendo os medios de comunicación social antes de comezar á marcha simbólica en bici

Infogauda / Pontevedra

 Denunciar o mal estado e a perigosidade das estradas galegas, todas elas con falta de seguridade viaria e mantemento, con nulos investimentos e unha rede viaria deseñada en función do automóbil e presentar as propostas que defende o BNG para cambiar as prioridades, e desenvolver un novo modelo de mobilidade na rede de estradas, primando a seguranza viaria, a accesibilidade, e as formas amábeis de mobilidade, principalmente a peonil e ciclista. 

Luis Bará saíndo en dirección a Poio

 Con este dobre obxectivo o candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará fixo unha marcha simbólica en bici dende a praza do Concello de Pontevedra até o Casal de Ferreirós, en Poio. 

 A situación actual é a seguinte: 
- Rede viaria deseñada en función do automóbil, mal conservada, con moi poucos investimentos en seguranza viaria. Un exemplo a vía pola que descorreu a marcha, a PO-308 Pontevedra-Sanxenxo. 
- Contornas urbanas e interurbanas hostís, agresivas, perigosas, con absoluta primacía do automóbil: sensación de risco, perigo e accidentes. 

 “Temos altísimas cotas de siniestralidade nas estradas galegas, ao redor de 100 vítimas mortais anuais e moitas máis que resultan feridas e custos económicos globais de máis de 1.000 millóns por causa da violencia viaria” lembra Luís Bará. “É insostíbel”, subliña. 

MODELO ALTERNATIVO 
 Fronte a esta realidade o BNG ten un modelo claro, un modelo alternativo, que pasa por cambiar as prioridades, centrando os esforzos en 3 ámbitos: 
- Priorizar os investimentos en conservación da rede viaria actual e na mellora da seguranza viaria, incluíndo medidas de pacificación e calmado de tráfico 
- Mellorar a accesibilidade (pensando nas persoas con diferentes discapacidades) 
- Potenciar as formas de mobilidade amábel e sustentábel, principalmente a mobilidade peonil e ciclista 
- Creación de itinerarios peonís seguros e accesibeis 
- Crear condicións favorábeis para a mobilidade ciclista nas estradas 
- Crear vías ciclabeis alternativas cando sexa posíbel (nas que prime a mobilidade recreativa, deportiva e de lecer). 

 Complementariamente: potenciar o transporte por ferrocarril (servizo de cercanías) e o transporte público. 

SOMOS QUEN 
“Se hai unha formación política que pode presentar un modelo de mobilidade claro, alternativo é o BNG: temos a experiencia, temos a solvencia, temos o coñecemento e temos tamén a práctica de telo feito, por exemplo, no Concello de Pontrevedra onde desenvolvemos un proxecto que está sendo premiado en todo o mundo, estámolo facendo tamén na Deputación e queremos levar este modelo á Xunta de Galiza: un modelo propio, alternativo, exitoso, beneficioso desde o punto de vista humano, social e ambiental e que salva vidas e aforra moitos recursos”, explicou o candidato. 

 “Temos unha aposta clara por formas de mobilidade amábel, sustentábel, priorizando a mobilidade peonil e ciclista, por unha mobilidade que salva vidas e que aforran custos que poden adicarse a outras cousas”, concluíu Luís Bará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario