28 de ago. de 2016

DEPORTES

PIRAGÜISMO

RESULTADOS HISTÓRICOS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE EUROPA EN SOLKAN 

Manuel Ochoa formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, e se fixeron coa prata nunha baixada perfecta

 Manuel Ochoa, Eneko Auzmendi e Nil García, medallas de prata K1 Júnior masculino
Foto: Real Federación España de Piragüsimo

Informa: Rosa Fernández Carrera

 Do 25 ao 28 deste mes están tendo lugar os Campionatos de Europa de Slálom na cidade eslovena de Solkan. Dous piragüistas do Club Deportivo Miño - Teixugos entraron a formar parte do equipo nacional. 

 Luis Fernández participou na modalidade C1 sub-23. Na mañá do mércores fixo a súa primeira baixada, rematando décimo dun total de 40 participantes e pasando directo a semifinais. Na mañá do sábado, nas semifinais, fixo unha baixada sen fallos, pero non deu entrado en finais, rematando décimo quinto. 

 Manuel Ochoa participou en K1 júnior. Na mañá do mércores non se deu clasificado para semifinais na primeira manga, pero si na segunda, rematando vixésimo octavo dun total de 61 participantes. Na mañá do sábado, fixo unha baixada rapidísima e sen fallos que o meteu en finais na sexta posición. Xa na final, volveu facer outra baixada perfecta que lle valeu unha sexta posición no Campionato de Europa. 

 No venres tiveron lugar as competicións por equipos, Luis formou parte do equipo español de patrullas C1 sub-23, xunto a Lluis Pares e Jordi Tebe, rematando duodécimos. 

 Manuel formou parte do equipo español e patrullas K1 júnior, xunto con Nil García e Eneko Auzmendi, equipo que nos deixou as portas da medalla no mundial de Cracovia, e que no europeo se fixeron coa prata nunha baixada perfecta, con apenas dous toques de penalización, rematando segundos por detrás dos alemáns. 

 Remata aquí unha tempada na que Os Teixugos e os piragüistas galegos de augas bravas fixeron historia. Nunca tantos galegos foron quen de entrar no equipo nacional, o que da fe do bo traballo da Federación Galega e o Centro Galego de Tecnificación, e do seu adestrador Ekhi Diez. 

 Parabéns a Ainhoa Lameiro e Miguel Angel Lorenzo do Penedo e a Luis Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa, dos Teixugos. 

 O slalom galego facendo historia! 

VÍDEO I: Manuel Ochoa nas finais do Campionato de Europa

VÍDEO II: Luis Fernández nas semifinais do Campionato de Europa

VÍDEO III: Manuel Ochoa nas semifinais do Campionato de Europa

Ningún comentario:

Publicar un comentario