27 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

EVA VILAVERDE ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN ESTUDIA CREAR UN NOVO CENTRO DE ACOLLIDA DE ANIMAIS NO SUR DA PROVINCIA  

A deputada delegada do CAAN destacou o incremento no número de adopcións durante 2016, que alcanzou os 430 cans  

Asegurou que “un can non é un peluche” e instou a só regalar animais nestas datas de Nadal “se é con responsabilidade”   

Eva Vilaverde, deputada delegada do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación Provincial de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A deputada delegada do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación, Eva Vilaverde, anunciou hoxe que a institución provincial pretende crear un novo centro de acollida de cans na zona Sur da Provincia que complemente ao actual da Armenteira (Meis). “É unha demanda que está enriba da mesa e xa estamos estudando diferentes fórmulas de colaboración con diferentes entidades e colectivos. Durante 2017 haberá novidades a este respecto”, explicou.   

 A nacionalista indicou que o centro actual presta o servizo de recollida e acollemento de cans con gran eficiencia, xa que ten unhas dimensións considerables e está moi ben dotado, pero abarca un territorio moi amplo (49 concellos do Norte, Centro e Sur da provincia). Segundo recoñeceu, existen dificultades á hora dos transportes e recollidas de animais en canto aos tempos, e tamén é máis complexo facilitar as adopciónse poñer en marcha de campañas de concienciación nos concellos que quedan máis lonxe. 

 “Cremos necesario traballar no camiño da descentralización do servizo de recollida de animais e do centro de acollida coa fin de ser aínda máis eficientes”, subliñou Vilaverde, que  destacou que xa se teñen mantido conversas con diferentes asociacións protectoras e entidades públicas para ver como organizar o servizo no sur na provincia dun xeito máis próximo e, por tanto, máis rápido e eficiente.  

 ‘Adopta. Está na túa man’ 
 Vilaverde fixo o anuncio do novo centro de acollida na presentación dos datos do CAAN do ano 2016. Segundo subliñou, ata primeiros de decembro foron adoptados 430 cans, o que supón un grande aumento respecto do ano anterior, cando se conseguiran 320 adopcións. “Podemos estar razoablemente satisfeitos porque o dato é moi positivo, pero se hai adopcións é porque houbo abandonos e é aí onde temos que actuar. Temos que seguir concienciando á xente e facendo máis campañas de sensibilización”, destacou, para lembrar a campaña que se fixo este verán ‘Adopta. Está na túa man’, destinada a fomentar a adopción de cans adultos.  

 Hai unha tendencia á alza do número de animais recuperados e que saen do centro. Neste sentido, ata primeiros de decembro o CAAN entregou este ano 927 animais, sendo 291 dados aos seus propietarios no lugar do aviso por estar correctamente identificados, e 206 recollidos polos donos no propio centro ao non ser posible contactar con eles no momento da captura. No ano 2015 foran 246 os entregados no lugar do aviso, 203 os recollidos polos donos no centro e 320 os adoptados, chegando a 769. O exercicio anterior os cans entregados no lugar foran 170, 177 os recollidos no centro, e 390 os adoptados, facendo un total de 737 animais recuperados. En total, dende o ano 2013 máis de 1.300 cans atoparon un novo fogar grazas ao CAAN. Na canceira hai nestes momentos preto de 600 animais.  

 1.500 intervencións 
 Durante este ano 2016 o CAAN realizou, contabilizando os avisos errados, 1.500 intervencións, unha cifra lixeiramente inferior ao ano pasado. Segundo explicou Vilaverde, os concellos onde máis animais se recolleron foron Sanxenxo (84), A Estrada (78) e Vilanova de Arousa (70), e onde menos foron Arbo (5), A Guarda (9) e Crecente (9).  

 En canto ao porcentaxe de abandonos en función da poboación, chama a atención o dato de Meis, onde se recolleron 63 cans sendo a poboación de 4.844 persoas (cunha porcentaxe de abandonos do 1,30 % cando a media estatal non chega ao 0,30%). A deputada salientou, en calquera caso, que esta cifra débese fundamentalmente a que hai xente que deixa os cans neste municipio para que sexan recollidos, xa que é o concello no que está ubicada a canceira. Seguen en porcentaxe de abandonos -moi elevados- os concellos de A Cañiza con 56 cans recollidos (cunha poboación de 5.234 e unha taxa do 1,07 %) e Barro con 38 cans recollidos (poboación de 3.746 e taxa do 1,01%). Pola súa banda, Vilanova de Arousa está no 0,67% (poboación 10.406), mentres que Sanxenxo está no 0,49 % (poboación 17.314) e  A Estrada no 0,37 % (poboación 20.891).  

 Como datos salientables, a deputada responsable do CAAN destacou que só un 6% dos animais abandonados tiñan microchip–todos saen do centro con el obligatoriamente-, e que un 15% dos recollidos presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico, que foron tratadas na súa totalidade polos veterinarios.  

 En canto á persecución do delito, durante o 2016 tramitáronse 80 denuncias por abandono ou maltrato, baixando en 20 con respecto doutros anos, “sendo este un dato positivo posto que as denuncias fanse obxectivamente cando se detectan indicios… o que quere dicir que nos atopamos menos situacións de maltrato animal”, subliñou Vilaverde.   

 Retos para 2017 
 A deputada do CAAN subliñou que ademais da posta en marcha dun novo centro na zona Sur da provincia, o obxectivo da Deputación de cara a 2017 seguirá a ser a concienciación e sensibilización para evitar o abandono dos animais, así como o fomento da adopción. En calquera caso, destacou que haberá un aumento orzamentario (de 375.000 euros a 500.000 euros) para traballar na esterilización dos animais que saen do centro de Armenteira. “Ata o de agora non se podía afrontar ese servizo na súa totalidade, pero a nova Lei de Protección Animal vai nesa dirección. É unha competencia dos concellos e unha enorme dificultade para os que son máis pequenos poder afrontala, por iso a Deputación vai seguir traballando e mellorando a xestión e os servizos que presta aos cidadáns, aos concellos e aos animais”, destacou.   

 Finalmente, e tendo en conta as festas de Nadal nas que estamos, a deputada quixo incidir en que “un can non é un peluche, senón un animal que necesita coidados, que precisa cariño, que precisa un fogar…”. Por isosolicitou a todos os pais e nais, familiares e amigos que o pensen dúas veces á hora de regalar un can nestas festas. “Está moi ben que teñamos mascotas e encantaríanos que se fixese adoptando un can da canceira, pero tense que facer de maneira responsable. Un can é para toda a vida. Non é para pasar as festas de Nadal”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario