5 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

Éxito rotundo das iniciativas presentadas pola Deputación esta fin de semana no Culturgal 

O deputado de Cultura e Lingua valora moi positivamente a acollida da presentación do Patrimonio como temática por parte dos concellos participantes e amósase optimista sobre as expectativas xeradas de cara ao vindeiro ano 


Infogauda / Pontevedra

 Co Patrimonio como eixo temático a Deputación de Pontevedra coordinou a presenza de 35 concellos da provincia na edición do Culturgal que vén de pechar as súas portas. Unha aposta que suscitou grandes expectativas ao redor do posto da Deputación e reuniu a numeroso público nos momentos nos que os concellos realizaron as micropresentacións das súas propostas culturais. Hai que lembrar que nesta edición, o departamento de Cultura provincial deulle a opción aos concellos da provincia de participar no Culturgal con información relativa ao Patrimonio, tanto impresa como audiovisual, e con pequenas presentacións de 5 minutos nas que expoñer algunha iniciativa relevante relacionada coa temática elixida.  

 Tras a experiencia da fin de semana, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal sinala que "vendo o éxito que no Culturgal tivo o Patrimonio como temática entre os concellos, permítenos ter unhas expectativas altamente optimistas de cara o que vai ser o ano 2017 a nivel cultural na provincia". Ao igual que na pasada edición, a Deputación apostou por poñer o seu posto a disposición dos concellos cunha dupla finalidade, a de dar a coñecer a riqueza cultural da provincia nun contexto especializado e o de propiciar que programadores e programadoras culturais das localidades se achegaran á Feira. Unha dinámica sobre a que Leal indicou que "dentro da política desta Deputación sempre foi prioritario darlle voz aos concellos e, neste sentido, no marco desta Feira puidemos crear sinerxias entre os concellos que participaron no posto, que fixeron unha verdadeira aposta por difundir o seu Patrimonio, mesmo creando folletos e pequenos audiovisuais específicos para levar ao Culturgal". O deputado cualificou esta aposta e este esforzo por parte dos 35 concellos participantes como "un moi bo augurio do que vai ser o 2017, porque o Culturgal só foi un punto de partida, e agora o que esperamos é que a aposta por difundir e dar a coñecer o patrimonio da provincia se manteña non só no 2017, senón que se prolongue no tempo con iniciativas culturais que o valoricen e o difundan".  

 O posto da Deputación foi o punto de encontro para numeroso público especialmente nos momentos nos que se programaron as micropresentacións de propostas culturais de 15 concellos. O humorista Carlos Blanco representando ao concello de A Illa de Arousa foi o encargado de abrir unha rolda de presentacións que lle amosou ao público alí congregado unha variada e heteroxénea listaxe de propostas: a salga de Bueu, o encontro de embarcacións tradicionais de Poio, o Roteiro Cabanillas de Cambados, o Rancho de Reis de Guláns, os xacementos arqueolóxicos de Cuntis e de Marín, a Rede de Museos de A Guarda, o Nigrán Jazz, as Bandas Xuvenís de Barro e de As Neves, ou unha parella de Madama e Galán que explicaron o Entroido de Cobres.  

 Xa fóra do posto, e no programa xeral da Feira, o deputado provincial de Cultura e Lingua presentou as liñas xerais do Ano do Patrimonio o sábado, e participou ao día seguinte na presentación do libro ‘Repente Galego', o primeiro estudo sobre a improvisación en verso na Galiza, promovido pola Asociación ORAL e editado polo Servizo de Publicacións da Deputación.  

 Pero ademais de punto de partida do Ano do Patrimonio, neste Culturgal a Deputación mantivo dúas iniciativas como colofón do Ano Castelao. Dunha banda, puxo a disposición dos máis cativos e cativas a app educativa ‘As viaxes de Castelao', que se puido usar en varias tabletas no posto provincial. Pero sen dúbida o que foi o grande atractivo da Feira foi o photocall da Gala Ano Castelao situado na entrada da zona dos postos. Este elemento promocional foi o gran punto de encontro da fin de semana e as imaxes xeradas poderán verse e compartirse a través do Facebook oficial da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa, que Xosé Leal cualifica "como o colofón de todo o programa de actividades que se foron realizando ao longo de todo o ano por toda a provincia". O photocall contaba coa imaxe da Gala Ano Castelao deseñada por Rei Zentolo e con atrezzo e unha silueta do autor a tamaño real, que tiveron unha acollida espectacular entre os e as asistentes. Hai que lembrar que a Gala Ano Castelao terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e que a entrada será gratuíta. Outra das citas importantes derivadas das iniciativas da Deputación no Culturgal é a exposición ‘Pegadas na Terra' que permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario