20/12/2016

INTERNACIONAL

A CANDIDATURA DO ESTEIRO DO RÍO MIÑO A PATRIMONIO MUNDIAL FOI PRESENTADA AO GOBERNO DE PORTUGAL 

O presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba mantiveron unha xuntanza con Luís de Castro Mendes, ministro da Cultura portugués

Luís de Castro Mendes, ministro da Cultura de Portugal - no centro da imaxe - cos alcaldes de Caminha e da Guarda, respectivamente, e os dous responsables da redacción do informe que os concellos presentarán en 2017 para ser avaliado pola UNESCO
Foto: C.M. C.

Infogauda / A Guarda

 O pasado venres día 16 de decembro o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz mantiveron unha xuntanza con Luís de Castro Mendes, ministro da Cultura Portugués, para recabar o apoio do goberno luso á candidatura do Esteiro do río Miño como Patrimonio da Humanidade na categoría de Paisaxe Cultural Transfronteiriza. A reunión tamén asistiron os dous responsables da redacción do informe que os concellos presentarán en 2017 para ser avaliado pola UNESCO para a súa inclusión na Lista Indicativa, primeiro paso no proceso de declaración de Patrimonio da Humanidade.  

 Durante a xuntanza na sede do Ministerio da Cultura o presidente da Câmara de Caminha e o alcalde da Guarda expuxeron ao Ministro as cualidades que abalan esta candidatura na que estiveron traballando durante o último ano. O valor do esteiro e do propio río Miño para as comunidades galega e portuguesa, a riqueza paisaxística, natural, patrimonial, etnográfica, social e humana representadas nas paisaxes naturais e naquelas forxadas polas relacións humanas durante máis de 2.000 anos. Falaron en resumo daqueles valores que, segundo o seu criterio, consideran que merecen ser tidos en conta pola UNESCO como Patrimonio Mundial.  

 “Ademais dos valores que todos coñecemos como son: paisaxe, patrimonio e natureza, fixen tamén fincapé nas relacións humanas entre as dúas vilas e referinme expresamente ao uso dunha embarcación común coñecida como Gamela en Galicia e Masseira en Portugal. Precisamente unha reprodución dunha gamela en bronce foi o agasallo institucional que como alcalde da Guarda entreguei ao Ministro Portugués”, declara Antonio Lomba. 

 O profesor Jordi Tresserras, director do Laboratorio de Patrimonio, Creatividade e Turismo Cultural da Universidade de Barcelona comentou co Ministro os pormenores máis técnicos da candidatura. Comentoulle que xa tivera contactos con ICOMOS-Portugal, unha comisión dependente da UNESCO, para recabar a súa opinión sobre o documento da proposta e recibir as súas recomendacións. 

 O Ministro expresou interese e entusiasmo en relación á esta candidatura e animou aos presentes a continuar cun procedemento que ve con moitas posibilidades de éxito. Recordou que ao ser unha candidatura transfronteiriza tiña que ter os parabéns dos gobernos de España e Portugal. As palabras de Luís de Castro Mendes foron moi celebradas polos alcaldes que lle mostraron o seu agradecemento por telos recibido e por mostrar boa disposición coa súa proposta.   

 No peche da reunión o Ministro mostrou interese por facer en breve un viaxe institucional a Caminha e arrancou o compromiso de Miguel Alves de organizar un evento que dera contido á visita. Antonio Lomba aproveitou a ocasión para convidar ao Ministro a visitar A Guarda e o Monte Santa Trega, convite que Luís de Castro Mendes aceptou de inmediato. 

Ningún comentario: