27 de dec. de 2016

GONDOMAR

O Sergas encomenda á Axencia galega de infraestruturas a execución das obras de construción do Centro de saúde de Gondomar 

Tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia de hoxe 

Supón o paso previo para que se poida iniciar a licitación deste centro da rede sanitaria pública galega  

O investimento previsto para a construción do centro é de preto de 3 millóns de euros

Infogauda / Gondomar

 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución asinada polo presidente do Servizo Galego de Saúde, Jesús Vázquez Almuiña, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas das actuacións para acometer a continuación da execución das obras de construción do Centro de Saúde de Gondomar. Esta iniciativa supón o paso previo para que a antedita Axencia poida iniciar a licitación das obras deste centro da rede sanitaria pública galega.

 A Xunta de Galicia vai destinar preto de 3 millóns de euros para a execución da obra de construción, cuxo Programa Funcional inclúe un área de medicina xeral con 12 consultas; un área de pediatría con dúas consultas; ademais de zona destinada para o traballador social e salas polivalentes.

 Ademais, o centro contará cun área de administración con almacéns e outros servizos comúns. 

 A superficie total do centro será superior aos 1.600 metros cadrados.

 A construción do centro suporá que tanto os profesionais previstos (sete médicos xerais, un pediatra, unha matrona, sete DUES, unha auxiliar de enfermería e catro PSX) como os pacientes e usuarios terán una infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, dos veciños deste concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario