7 de dec. de 2016

A GUARDA

AMPLIADO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CURSO “BRINCADEIRAS DE SEMPRE” 

Ata o día 15 de decembro   


Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello da Guarda fixo público o seguinte comunicado: “Amplíase ata o xoves día 15 de decembro o prazo de inscrición para o curso “Brincadeiras de sempre”, que se impartirá a finais de decembro na Guarda a través da acción da Deputación Tecendo lazos.  O programa Tecendo lazos da Deputación de Pontevedra ten por finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre cos que se pretende crear espazos para o encontro entre diferentes xeracións poboacionais.  

 En concreto o curso “Brincadeiras de sempre”, que se impartirá na Guarda, busca que a través da construción de xoguetes tradicionais cos que se xogaba noutrora, pequenos e maiores interactúen e creen eses espazos comúns. Ademais, á súa vez, os pequenos terán a oportunidade de amosar aos seus familiares os xoguetes e xogos actuais. 

  O curso comezará o 21 de decembro e se desenvolverá ata o día 28 polas tardes de 17:00 a 19:30 horas no Sinde Vello. Terá unha duración total de 16 horas e nel poden participar todas as persoas que o desexen, de todas as idades. Terán preferencia aquelas que se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións: avós/avoas e netos e netas; pais/nais e fillos/as, etc. Os nenos e nenas de entre 13 e 17 anos que queiran acudir sós deben achegar o consentimento da nai/pai ou titor/a. No caso dos menores de 13 anos, só poderán asistir se van acompañados dun titor.  

 As inscricións se realizarán a través dunha solicitude que poden recoller na OMIX e que deberán achegar xunto cunha fotocopia do DNI e o xustificante de empadroamento

Ningún comentario:

Publicar un comentario