Alcaldes do PP insisten en reunirse co goberno bipartito da Deputación Provincial de Pontevedra para que lles expliquen os cambios previstos no Plan Concellos
• Presentaron hoxe por rexistro unha solicitude para manter un encontro con urxencia antes do 15 de novembro.
• Recordan que levan máis de tres meses esperando a que os convoquen.
Os alcaldes do Partido Popular insisten na necesidade de manter unha reunión co goberno bipartito da Deputación de Pontevedra
Foto: P.P.Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
Os alcaldes do Partido Popular insisten na necesidade de manter unha reunión co goberno bipartito da Deputación de Pontevedra para que lles expliquen que cambios teñen previstos introducir no Plan Concellos do próximo ano. Por iso, a voceira do grupo provincial e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentou hoxe por rexistro, en nome do resto de alcaldes populares da provincia, unha solicitude para manter un encontro, con carácter de urxencia, con Carmela Silva.
Nidia Arévalo pide que convoque a todos os alcaldes da provincia antes do 15 de novembro, ou en todo caso que se reúna cos rexedores locais do Partido Popular que son os que están solicitando este encontro, para explicarlles cales son as liñas principais do plan de 2017 e os cambios que están previstos, a distribución dos recursos económicos e a contía que a Deputación destina aos concellos. Ademais, os populares insisten na súa proposta para crear unha comisión na que fixar os criterios de reparto. Critican que hoxe están exactamente igual que hai un ano, coas mesmas incertezas e dúbidas sobre o reparto dos fondos provinciais.
Os alcaldes do PP recordan que levan desde xullo esperando por unha convocatoria de Carmela Silva. Nese momento, solicitaron á presidenta que convocase a todos os concellos da provincia na Deputación de Pontevedra para debater e decidir por maioría as liñas xerais de distribución dos recursos económicos e a contía que se destinaría aos concellos.Transcorridos tres meses, sinalan os populares, aínda non recibiron ningunha resposta, e critican que tiveran que enterarse polos medios de comunicación que o goberno bipartito decidiu, de forma unilateral e sen diálogo, introducir cambios neste plan para os orzamentos do próximo ano. Nesta liña, Nidia Arévalo salienta que o único que reclaman os alcaldes populares é diálogo, que a presidenta se sente con eles e lles explique o que ten pensado facer cos fondos provinciais o próximo ano, pero tamén que escoite o que os alcaldes queren propoñerlle.
CONTIDO DO ESCRITO PRESENTADO HOXE POR NIDIA ARÉVALO
Nidia Arévalo Gómez, alcaldesa do concello de Mos e deputada-portavoz do grupo PP na Deputación de Pontevedra, ante a Presidenta da Institución Provincial.
O pasado 29 de xullo, trinta alcaldes da provincia dirixímonos a vostede solicitándolle a convocatoria na Deputación da totalidade dos concellos da provincia, para debater e decidir por maioría, as liñas xerais de distribución dos recursos económicos e a contía que se destinaría aos concellos.
Transcorreron máis de tres meses sen que ata o de agora nos deran unha resposta e soubemos polos medios de comunicación dos cambios que teñen previstos no Plan Concellos para os Orzamentos Provinciais do proxlmo ano.
Por todo isto, reiteramos a nosa petición de xuntanza, entre a presidenta e todos os alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra, ou en todo caso que se reúna cos rexedores locais do Partido Popular, que somos os que o estamos solicitando, para explicarnos cales son as liñas principais do Plan e os cambios que están previstos, a distribución dos recursos económicos e a contía que a Deputación destina aos concellos, así como a creación de unha Comisión para fixar os criterios de reparto.
Pedimos ademais que esta reunión se celebre con carácter de urxencia no Pazo Provincial antes do 15 de novembro e que nos avise coa maior antelación posible para coordinar a dispoñibilidade de todos os alcaldes e alcaldesas.
Quedando á espera das súas noticias, reciba un saúdo.
Pontevedra, a 7 de novembro de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario