A Deputación conmemora o Día do Patrimonio Audiovisual coa proxección dun documental sobre a memoria histórica
Nun acto aberto ao público, o Arquivo provincial acollerá este xoves día 27 de outubro, ás 19:00 horas, a proxección de 'A volta dos nove' seguida dun coloquio a cargo do realizador Antón Caeiro
Infogauda / Pontevedra
Con motivo do Día do Patrimonio Audiovisual, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, organiza un acto público e aberto para poñer en valor tanto a transcendencia como a riqueza dos fondos audiovisuais que custodia. No acto, que estará encabezado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, proxectarase o documental 'A volta dos nove', seguida dun coloquio a cargo do realizador do mesmo, Antón Caeiro.
Con este acto, a Deputación aposta por achegar á sociedade, promover e difundir a importancia da sección de Fondos Audiovisuais do Arquivo provincial. Unha sección que acolle os rexistros que compoñen o patrimonio audiovisual da provincia, entendendo como tales as imaxes fixas, as imaxes en movemento, as gravacións sonoras, a música notada [partituras] e recursos electrónicos, así como os soportes necesarios para a súa consulta.
O acto celebrarase na sede do Arquivo provincial, na rúa Padre Amoedo 1, e será ás 19:00 horas deste xoves día 27 de outubro. Ademais do propio documental que se proxectará e do tema da Memoria Histórica, tamén se abordarán cuestións como o excelente momento polo que pasa o xénero documental na Galiza e as iniciativas de recuperación de documentos audiovisuais que se están a realizar na provincia.
Os Fondos Audiovisuais do Arquivo provincial
A sección de Fondos Audiovisuais ,ademais de conservar a documentación audiovisual xerada pola Deputación no transcurso das súas actividades como parte da función de arquivo, localiza, xestiona e difunde o patrimonio audiovisual –provincial e relacionado coa provincia – producido dun xeito profesional ou afeccionado e independentemente do seu soporte físico.
Na actualidade consta de aproximadamente de 60.000 rexistros, dos cales 3.500 corresponden a producións audiovisuais de diferentes xéneros, pero sempre tendo en conta a provincia de Pontevedra e Galiza en canto á súa temática, autoría, e produción. Os rexistros están conformados por curtametraxes, longametraxes, documentais, videocreacións, reportaxes, clips publicitarios, e gravacións institucionais entre outros.
Os formatos que se gardan -desde films de 16 ou 35 mm ou películas en 8 e Super-8mm, ata Umatics, VHS, video-CD, Betamax, Betacam ou soportes recentes como DVD, video-CD ou memorias dixitais- son unha boa representación da evolución dos documentos audiovisuais e os seus contidos unha importante fonte de información para coñecer a historia, sociedade e cultura provinciais desde comezos do século XX.
A difusión deste patrimonio audiovisual entre a cidadanía está a representar neste momento a principal liña de traballo da sección. Dun xeito concreto, tamén están proxectadas actividades relacionadas con campos de actuación como o cine doméstico, a produción documental e curtometraxista galega e os medios de comunicación de ámbito municipal.
'A volta dos nove'
'A volta dos nove' (2014) é un documental realizado por Antonio Caeiro e producido por O Faiado Producións que lembra o asasinato de nove veciños do Val Miñor en outubro de 1936. O filme indaga nas vivencias e recordos dos familiares dos asasinados e completa a triloxía que este director dedica á recuperación da Memoria Histórica, xunto aos seus outros traballos Aillados (2001) e A memoria nos tempos do wolfram (2003). Ademais do seu traballo como director e guionista de documentais, Antonio Caeiro é a cabeza visible de O Faiado da Memoria, un proxecto de recuperación da memoria histórica e do patrimonio audiovisual, a través do cine e fotografía antigas en Vilagarcía de Arousa.
O Patrimonio Audiovisual
Dende finais do século XIX, os documentos audiovisuais son testemuñas dos acontecementos sociais e culturais da humanidade e forman parte da nosa vida dun xeito cotiá. En 2005 a Unesco estableceu a celebración anual dun Día do Patrimonio Audiovisual, o 27 de outubro, co fin de valorar o carácter principal dos formatos audiovisuais (imaxes fixas e en movemento, gravacións sonoras, programas de radio e televisión…) como fontes de coñecemento para a sociedade en calquera aspecto persoal ou profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario