28 de out. de 2016

A GUARDA

O ALCALDE DA GUARDA INAUGUROU A PRIMEIRA SESIÓN DE AFTERWORKS

Unha iniciativa dirixida ao Sector do Comercio da Guarda   


O alcalde Antonio Lomba Baz, na apertura da sesión
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonsos acolleu este xoves, ás 20:30 horas, a primeira sesión das ponencias de AFTERWORKS. Comeza así a primeira das catro citas organizadas dende o Concello da Guarda e que están dirixidas a profesionais do Sector do Comercio.  

Na imaxe, un representante do grupo empresarial Frutas Nieves


Á inauguración desta primeira sesión, que contaba como ponente cun representante do grupo empresarial Frutas Nieves, asistiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda e Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Comercio da vila. O alcalde foi o encargado de presentar a ponencia e a iniciativa, para a que se empezaron a establecer os primeiros contactos o pasado mes de xaneiro con Fátima Rodríguez, de Talentea, empresa que colabora na organización deste evento. O alcalde destacou que o obxectivo principal é “conseguir traer á Guarda a xente que conte experiencias” para extraer coñecementos, ideas e motivación para poder aplicalos no futuro.  

 Tras esta presentación deu comezo a ponencia de Frutas Nieves que, como as vindeiras, ten como obxectivo contar a súa experiencia para que logo os asistentes podan abrir un debate, sacar conclusións e extrapolar ideas para levalas aos seus negocios. En concreto, esta sesión centrouse na historia e evolución empresarial do grupo, que comezou a súa andadura como empresa familiar no ano 1983 cun almacén de froita e que se foi estendendo ata que en 1991 abriron a súa primeira tenda. 

O ponente na súa intervención dirixida os emprendedores de A Guarda

 Entre os diversos temas relacionado co Sector que se trataron falouse, por exemplo, da importancia do marketing, a colaboración en eventos nos lugares no que está implantada, a calidade e a presencia online. Destacou a necesidade de estar hoxe en día en Redes Sociais, unha ferramenta “áxil, gratuíta e coa que podes chegar a máis xente e establecer vínculos”, o que repercutirá tamén na fidelización de clientes.   

 Outros asuntos de importancia foron a implantación das novas tecnoloxías no traballo diario, o tratamento das finanzas do grupo empresarial ou a complexidade da loxística nas rutas de reparto, entre moitos outros.  

 As seguintes sesións de AFTERWORKS terán lugar o xoves 3 de novembro, cunha ponencia a cargo de Cerveza Nós, e o 10 de Novembro, coa empresa Don Disfraz. Para rematar esta iniciativa o día 17 de novembro haberá unha Mesa de Traballo para debatir as ideas e conclusións extraídas destas ponencias, nunha sesión de “Brainstorming e presentación de iniciativas innovadoras no Pequeno Comercio”. Todas estas sesións se realizarán na Casa dos Alonso ás 20:30 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario