28 de out. de 2016

A GUARDA

O BNG APOSTA POR PLANIFICAR A MOBILIDADE GLOBAL DA GUARDA PARA PRIORIZAR AS ACTUACIÓNS NOS ESPAZOS PÚBLICOS  

O deputado provincial Uxío Benítez destacou as potencialidades do municipio e a necesidade de aumentar a calidade de vida dos seus cidadáns  

Salientou a importancia de aplicar unha mobilidade sustentable que considere ás persoas como principais usuarias das estradas   

Asemblea informativa do BNG na Casa dos Alonso, onde Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Mobilidade, informou os veciños do estudo de mobilidade
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda

 O BNG aposta por priorizar as actuacións en estradas e ordenar o espazo público do Concello da Guarda de xeito planificado a través dun estudo de mobilidade que sirva de folla de ruta para os próximos anos. Así o asegurou nunha charla celebrada na Casa dos Alonso, o tenente de alcalde en Tomiño e deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, quen se trasladou esta semana ata A Guarda para presentar o modelo de mobilidade do BNG, que considera ás persoas como principais usuarias das estradas.  

 O nacionalista destacou que é necesaria unha visión estratéxica a medio e longo prazo sobre as actuacións na rede viaria da vila antes de executar obras que poidan hipotecar o futuro do concello. Deste xeito poderanse aproveitar as súas potencialidades”, sinalou.  

 Benítez asegurou que calquera actuación en materia de tráfico precisa ter en conta a realidade do municipio (como se moven os seus veciños e veciñas) e as súas necesidades de cara o futuro, algo que quedará reflectido no estudo de mobilidade que financiará a Deputación para A Guarda. Ese documento marcará zonas a peonalizar, cambios nas direccións de tráfico, ubicacións das bolsas de estacionamento necesarias e ordenará o espazo público en xeral. De feito, poderá propoñer alternativas para a urbanización da rúa Concepción Arenal, a saída sur do porto ou a zona histórica.  

 “É preciso - afirmou o deputado nacionalista - un cambio de modelo de mobilidade con respecto ao que se viña sostendo ata o de agora. Non se deben dar facilidades aos vehículos, senón que debemos buscar unha mobilidade sustentable na que se prioricen as persoas e se establezan espazos de convivencia, gañando áreas para os veciños e veciñas e, por tanto, calidade de vida”.  

 Benítez destacou que a aposta por unha mobilidade sustentable require “gobernos dispostos á enfrontarse con maneiras de pensar que teñen interiorizado que os vehículos teñen privilexios e que a comodidade de ir no coche é máis importante que os desprazamentos peonís”. “É necesario recuperar os espazos das persoas que dende hai unhas décadas están invadidos polos coches e, sobre todo, apostar por ter en conta aqueles colectivos máis vulnerábeis que deben estar en primeiro lugar como os nenos e nenas, persoas con mobilidade reducida ou maiores e apostar por transportes colectivos e pouco contaminantes como a bicicleta”, finalizou.  

 Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG na Guarda, Ángel Luis Baz Vicente, destacou tamén que o municipio ten moita potencialidade á hora de mellorar os seus espazos públicos, se estamos dispostos a cambiar a mentalidade de potenciar o vehículo privado. Os beneficios de espazos para os viandantes van dende a saúde até a promoción turística, cultural e ambiental”.

Ningún comentario: