DEPORTES
A A.D. Tomiño preséntase ante a súa afección
O acto celebrarase no campo de A Carballa o sábado 3 de setembro dende ás 16:00 h.
Gonzalo Lomba / Tomiño
Unha tempada máis a A.D. Tomiño de fútbol base reúne a todas as súas categorías para presentalas ante a afección no campo de A Carballa. O acto, que comezará as 16:00 h., do sábado día 3 de setembro, incluirá tamén encontros amigables das categorías de Fútbol 8, Prebenxamín, Benxamín e Alevín.
De cara á tempada 2016/2017 a A. D. Tomiño volverá contar con equipos na categoría Biberón, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil, para os que aínda está aberto o período de inscrición.
Os afeccionados que desexen achegarse á Carballa o sábado poderán coñecer as caras novas de todas as categorías e, ademais, presenciar os encontros dos Prebenxamíns vs U.D. Atios (17:30), Benxamíns vs Cultural Areas (17:30) e Alevíns vs UD Atios (18:30).
Galardoada co premio do Concello de Tomiño á mellor Escola Deportiva na pasada tempada, a Asociación Deportiva reafirmará neste novo curso a súa aposta pola formación deportiva, con adestradores titulados, escola de tecnificación e adestrador de porteiros; así como pola formación en valores, cun departamento de psicopedagoxía asociado; e o aumento da base social do club, con diversos actos festivos ao longo do ano e a presencia activa nas redes sociais.
Un ano máis, a directiva e o corpo técnico da A.D. Tomiño, buscarán facer realidade o lema “Facendo canteira, formando persoas” e invitan a pais, nais e público en xeral, a que acompañen ao club nesta nova tempada que comeza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario