18 de set. de 2016

SAÚDE

A Xunta de Galicia apoia os afectados polo alzhéimer nunha andaina conmemorativa do día mundial desta enfermidade 

O evento estivo organizado pola Federación Alzhéimer Galicia e o camiño culminou coa inauguración do Espazo da memoria no parque de Bonaval

O conselleiro de Política Social explicou que “como administración responsable, temos a obriga de estar convosco non só conmemorado esta xornada mundial, senón tamén o resto dos 364 días do ano"  

O conselleiro de Sanidade destacou o traballo realizado dende hai anos no ámbito do envellecemento activo, ofrecendo “solucións no ámbito da atención non presencial, a integración de coidados, ou a promoción da saúde”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudiron hoxe á saída da andaina organizada pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL)

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudiron hoxe á saída da andaina organizada pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) co gallo da celebración, o vindeiro día 21 de setembro, do día mundial desta doenza.
Nesta actividade ao aire libre no que se reuniron persoas afectadas polo Alzheimer, familiares, coidadores e colaboradores, o conselleiro reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir apostando pola sensibilización, prevención e formación fronte o alzhéimer; e recoñeceu o traballo diario que neste campo leva a cabo FAGAL, que “presta un apoio fundamental tanto aos doentes como aos seus familiares”. Así mesmo, recalcou que a Consellería de Política Social ten como prioridade “mellorar o benestar dos galegos e galegas, aumentando a esperanza de vida plenamente autónoma e traballando na mellora das condicións das persoas que se atopan xa nunha situación de dependencia”.
 Tamén destacou a importancia da celebración deste tipo de efemérides, como o Día mundial do alzhéimer, para a visibilización da doenza así como para concienciar e sensibilizar ao conxunto da poboación. “Como administración responsable, temos a obriga de estar convosco non só conmemorado esta xornada mundial, senón tamén o resto dos 364 días do ano”, explicou Rey Varela. “Por iso, xuntamos forzas cada día con administracións públicas e entidades, para mellorar non só a calidade de vida dos doentes, senón tamén daqueles que os atenden e coidan cada día”, engadiu o conselleiro ao tempo que agradecía o esforzo de todos os afectados directa ou indirectamente pola enfermidade. “Sodes unha peza fundamental”, asegurou.
 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que en Galicia, cada ano detéctanse aproximadamente uns 5.000 novos casos de alzhéimer e segundo a Sociedade Galega de Neuroloxía, existirían na nosa Comunidade entre 55.000 y 75.000 persoas con demencia, globalmente, das cales se estima que en torno a 30.000 estarían afectadas por esta enfermidade. Jesús Vázquez remarcou que “nunha sociedade deslumbrada pola tecnoloxía, debemos centrar os nosos coidados nos pacientes nos seus familiares, nas persoas”.
 Neste senso, o conselleiro de Sanidade destacou o traballo que dende o seu departamento se ven facendo dende hai anos no ámbito do envellecemento activo, ofrecendo “solucións no ámbito da atención non presencial, a integración de coidados ou a promoción da saúde na poboación anciá e con patoloxía crónica”. Jesús Vázquez remarcou que “nunha sociedade deslumbrada pola tecnoloxía, debemos centrar os nosos coidados nos pacientes nos seus familiares, nas persoas”.
 Jesús Vázquez tamén destacou que se realiza unha “colaboración intensa co movemento asociativo, así como a desenvolver labores de información, orientación e atención interdisciplinar dos pacientes e a familia, e a cooperar na formación continuada dos profesionais e colaboradores das asociacións, así como nas actividades de sensibilización social, como esta”. Tamén se incluíu aos pacientes de alzhéimer na tarxeta AA, “acompañamento e accesibilidade”, que implica prioridade no acceso aos servizos sanitarios, e permite que os pacientes estean acompañados por un familiar durante os procesos de atención sanitaria.
 O camiño culminou coa inauguración do Espazo da memoria, no parque de Bonaval. Alí, os e as participantes procederon á plantación dunha árbore e á introdución dunha cápsula do tempo dentro da pedra que contén a placa conmemorativa desta xornada. Este emprazamento serve dende hoxe como homenaxe e recordo a todas as persoas afectadas en Galicia por esta doenza no pasado, no presente e no futuro.

Federación Alzhéimer Galicia


 FAGAL é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1998 froito da unión de varias asociacións de familiares de enfermos de alzhéimer.

 Na actualidade, está composta polas 13 asociacións que existen en Galicia que suman máis de 5.000 familias e prestan múltiples servizos a través de máis de 175 profesionais do sector socio-sanitario.
 A entidade desenvolve os seus propios programas baseados principalmente na divulgación e formación de familiares de enfermos con algunha demencia. Ademais, dá cobertura e coordina algúns dos programas que se levan a cabo nas asociacións federadas

Ningún comentario:

Publicar un comentario