13 de set. de 2016

PONTEVEDRA

CULTURA

A mostra 'Meu Pontevedra!' recibe preto de 12.000 visitas 

O conxunto da oferta expositiva do Museo de Pontevedra supera os 40.000 visitantes durante este verán 



Infogauda / Pontevedra

 Este mércores, ás 20:00 horas, a exposición que conmemora o centenario da Fundación das Irmandades da Fala abrirá as súas portas no Claustro do Edificio Sarmiento. Unha mostra temporal que toma o relevo da recén clausurada 'Meu Pontevedra!', coa que a Deputación de Pontevedra conmemorou o centenario da chegada de Castelao á cidade do Lérez. Esta mostra, que abrira as súas portas o pasado 28 de xuño, recibiu ata o pasado domingo 11 de setembro un total 11.851 visitantes. Un éxito de público en consonancia co da anterior exposición sobre este autor, que levara por título 'Castelao Artista', e que en palabras do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, "dá mostra de que a programación realizada con criterios técnicos é o que buscan os visitantes no Museo e estes datos así o evidencian".  

 Tamén é especialmente salientable o dato de visitas contabilizadas nas Ruínas de San Domingos, abertas ao público o pasado 3 de agosto despois de tres anos pechadas por mor das obras de consolidación. Entre o día da reapertura e o pasado domingo o número de visitantes ascendeu a 27.393 persoas. Xosé Leal cualificou este edificio do Museo "como un dos edificios emblemáticos do país" e asegurou que "a xente estaba ávida da súa reapertura e alegrámonos de tela feito posible". Durante este verán tamén se contabilizaron as visitas á mostra Novos Valores, que estivo nas salas de exposición da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración desde o 4 de agosto ata o pasado domingo, e os obradoiros e actividades realizadas polo Museo, e que en conxunto suman 3.757 persoas. Entre todas as actividades e ofertas expositivas, este verán o Museo de Pontevedra recibiu un total de 43.001 visitantes. "O que pretendemos é que a xente que se achegue a Galiza e a Pontevedra teña no Museo unha visita obrigada, e as nosas expectativas estanse a cumprir" sinalou Leal unha vez coñecido este dato.  

 O incremento de visitantes faise patente ao igualar en algo máis de oito meses o total dos visitantes recibidos no conxunto do pasado exercicio. Así, entre o 1 de xaneiro e o 11 de setembro de 2016 o Museo contabilizou 72.677 visitantes, mentres que no conxunto de todo o 2015 recibiu 73.715 visitas. Neste sentido, o deputado de Cultura e Lingua manifestou que "contando con que quedan aínda catro exposicións moi relevantes antes de que finalice este exercicio, esperamos que este ano sexa histórico en canto a número de visitantes que se acheguen a coñecer este Museo".  

 A primeira destas catro mostras mencionadas polo deputado abrirá as súas portas este mércores no Edificio Sarmiento e leva por título 'Saúde e Terra, irmá(n)s'. Trátase da exposición organizada polo Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e a Deputación da Coruña para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala, e que en virtude dunha colaboración coa Deputación de Pontevedra chega ao Museo onde permanecerá ata o 2 de outubro -antes estivera na sede da Fundación Barrié en Vigo entre o 10 de agosto e o 8 de setembro-. A mostra relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario