3 de set. de 2016

MAR

O DOG publica por primeira vez axudas a proxectos de cooperación dos grupos de acción local do sector pesqueiro 

A través delas a Consellería do Mar busca estimular a cooperación dos GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países  

A Consellería do Mar destina a esta convocatoria un importe de máis de 321.000 euros no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar por primeira vez a orde para a concesión de axudas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020.
 A través delas a Consellería do Mar busca estimular a cooperación dos GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. Tamén busca impulsar e apoiar a innovación e adquirir destrezas e medios que permitan mellorar as súas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.
 Deste xeito poderán beneficiarse desta liña de axudas os GALP seleccionados pola Consellería do Mar no marco do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca do FEMP 2014-2020, que asinasen un convenio de colaboración coa Consellería para o desenvolvemento dunha estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) e que participen nun proxecto de cooperación interterritorial e/ou transnacional.
 A cooperación interterritorial é aquela que se realiza dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha estratexia de desenvolvemento local participativo. Por outra banda, enténdese como cooperación transnacional dentro da UE a realizada entre grupos de distintos Estados membros, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membro que apliquen unha EDLP dentro da Unión.
 Serán subvencionables os proxectos que sexan coherentes coas estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP participantes e que impliquen a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e/ou materiais, para a consecución dun obxectivo de interese compartido. Tamén deberán promover a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.
 Ademais, os proxectos que se apoien poderán ter carácter social ou económico, e terán en consideración os principios de desenvolvemento sustentable e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Poderán implicar tamén a realización e/ou a comercialización de produtos e/ou servizos en calquera ámbito de desenvolvemento local, realizadas entre os territorios ou participantes de forma conxunta.
 A Consellería do Mar destina a esta convocatoria un importe de máis de 321.000 euros no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e para ela o prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Os GALP poderán presentar as solicitudes unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario