9 de ago. de 2016

VIGO

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra destaca que o festival do Marisquiño sitúa a Vigo no centro da innovación e da modernidade 

Estímase que máis de 120.000 persoas pasen polo festival entre o venres e o domingo, cun retorno económico de arredor de 12 millóns e medio de euros  

A presidenta da Deputación participou na presentación do Marisquiño

Infogauda / Vigo

 O Museo Marco de Vigo acolleu este mediodía a presentación da décimo sexta edición do Marisquiño, un dos Festivais Rías Baixas impulsados pola Deputación de Pontevedra para potenciar unha visión moderna, diferente, vangardista e innovadora da provincia. "O Marisquiño xa se converteu nun referente que coloca a Vigo no centro da innovación e da creatividade, no centro do que está pasando no mundo", resaltou a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación deste evento.  

 Silva destacou que os vindeiros 12, 13 e 14 de agosto "en Vigo nos esperan grandes cousas: deporte, que impresiona e segue marabillando e sorprendendo con cousas incribles que algunhas persoas son capaces de facer, pero tamén con música, pintura, arte e cultura urbana, que fan deste festival un dos grandes do mundo, que nos sitúan xa coma un referente internacional".  A Presidenta referiuse así a esta cita na que xa participan uns 1.500 deportistas, pertencentes a 30 nacionalidades, con algunhas das grandes figuras internacionais do momento. 
No centro da imaxe, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa


 O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do Marisquiño. No curso da súa intervención, o secretario xeral destacou como nesta 16 edición do festival a oferta cultural e deportiva ven de mellorarse, prevíndose un novo éxito organizativo e unha afluencia récord de público. Para Lete Lasa, “o coidado e minucioso traballo da organización e a oferta deportiva e cultural de calidade, volverán a marcar esta nova edición do que é xa un dos mellores festivais destas características de Europa; todo un referente internacional de cultura urbana e de deportes de acción dende Vigo e dende Galicia”.  

 Neste punto, José Ramón Lete apuntou que “este é un dos eventos de maior potencial de Vigo e de toda Galicia: dende un punto de vista turístico e, por suposto tamén, deportivo e de práctica de actividade física, as características deste festival convérteno en candidato ideal para a súa declaración como festa de interese turístico de Galicia como, recentemente, ven de suceder con outro dos buques insignia dos nosos eventos deportivos galegos máis internacionais: o Pantín Classic”. O secretario xeral para o Deporte rematou a súa intervención definindo o Marisquiño como unha das máis destacadas citas anuais para a valorización da cultura e do deporte que se desenvolve no país. 

 O Marisquiño é o festival que mestura deporte, música, arte; e cultura urbana máis grande do sur de Europa, que pertence á exclusiva elite de eventos "world cup", sendo un dos poucos do mundo con tres probas puntuables para campionatos do mundo. A organización estima que, durante os tres días de festival, pasen polo evento máis de 120.000 persoas, cun retorno económico de arredor de 12 millóns e medio de euros e cunha repercusión mediática nacional e internacional que se traduce nun alcance de 10 millóns de espectadores e espectadoras.  

 Nas modalidades deportivas do Marisquiño poderase ver, entre outras, skate, saltos en bicicleta nunca vistos sobre a ría de Vigo, motocross, descensos impresionantes en bicicleta de montaña polas costas da cidade ou flatland (arte de bailar coa bici sobre o chan). Por primeira vez este ano tamén se pon en marcha a "Naval Cervera Cup", unha competición de embarcacións de alta velocidade, e a Feira Bild, na que se presentarán coleccións de moda streetwear de marcas emerxentes e consolidadas. Nas modalidades culturais, musicais e artísticas, as persoas que pasen polo Marisquiño poderán ver os e as mellores breakers do momento, graffiti e concertos espectaculares de grupos e DJs.  

 O Marisquiño forma parte da rede de Festivais Rías Baixas impulsados este ano dende a Deputación  de Pontevedra para darlle auxe ao turismo musical e de ocio, dándolle pulo a unha imaxe da provincia moderna diferente, vangardista e innovadora, que se sabe adaptar aos novos tempos e aos novos hábitos de ocio, pero que tamén sabe conservar toda a súa esencia. Nesta liña de traballo, o Marisquiño é un claro exemplo de vangarda e autenticidade en canto a festivais se refire, "con dezaseis anos de historia que xa nos fan moi grandes", tal e como salientou Carmela Silva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario