30 de ago. de 2016

VIGO

O Hospital Meixoeiro estreará unha área cirúrxica renovada 

O conselleiro de Sanidade visitou hoxe as instalacións renovadas da área cirúrxica, as novas dependencias das probas de glicosa das xestantes, e a Unidade de Lesionados Medulares

Vázquez Almuiña mantivo varias xuntanzas, cos xefes de servizo e supervisoras, coa xunta de persoal e coa plataforma SOS Meixoeiro, e en todos os encontros garantiu “o firme compromiso institucional coa potenciación deste centro, da súa modalidade asistencial ambulatoria e sobre todo da súa capacidade cirúrxica”  

“O Meixoeiro é xa o maior centro especializado de Galicia en cirurxía ambulatoria e de curta estadía, sendo por tanto un centro esencial para acurtar a lista de espera en Vigo” , destacou Vázquez Almuiña  

O Servizo Galego de Saúde investirá neste centro máis de 22,5 millóns de euros, no Laboratorio central e na reforma das cubertas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, estivo hoxe no hospital do Meixoeiro visitando as novas áreas asistenciais que serán postas en funcionamento nos próximos días

Infogauda / Vigo

 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, estivo hoxe no hospital do Meixoeiro visitando as novas áreas asistenciais que serán postas en funcionamento nos próximos días, como as dependencias para as probas da glicosa das xestantes ou as instalacións renovadas da área cirúrxica.
 No transcurso da súa estadía no centro, o conselleiro, acompañado do xerente e do director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Antonio Fernández-Campa e Jorge Aboal Viñas, e do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, mantivo varias xuntanzas cos diferentes colectivos profesionais e sindicais: cos xefes de servizo e supervisoras; coa xunta de persoal; e coa plataforma SOS Meixoeiro. En todos estes encontros, transmitiu unha mensaxe clara e rotunda: “o Meixoeiro é un hospital estratéxico e clave na nova configuración do Chuvi, unha aposta clara do Sergas polo mantemento da súa actividade asistencial, e o firme compromiso institucional coa potenciación deste centro, da súa modalidade asistencial ambulatoria e sobre todo da súa capacidade cirúrxica”.
Bloque cirúrxico renovado
 Vázquez Almuiña achegouse á área cirúrxica, para ver a remodelación que acaba de levarse a cabo, co obxecto de dotar a esta zona de mellores e máis amplas instalacións e progresar nas condicións de confortabilidade dos usuarios e as de traballo dos profesionais, que disporán duns circuítos máis axeitados.

 Así, dotouse dun novo espazo de recepción e vestiarios destinados aos pacientes de CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria), e acometeuse unha nova sala de cirurxía local, “o que permitirá incrementar aínda máis a capacidade cirúrxica do hospital e atender así a un maior número de pacientes”.
 Neste senso, explicou que “o Meixoeiro é xa o maior centro especializado de Galicia en cirurxía ambulatoria e de curta estadía, sendo por tanto un centro esencial para acurtar a lista de espera en Vigo”. Vázquez Almuiña destacou que “a día de hoxe, neste hospital realízanse 2/3 de toda a actividade cirúrxica do Chuvi; os primeiros sete meses do ano realizáronse un total de 12.896 intervencións cirúrxicas, fronte as 6.975 do mesmo período do ano anterior, é dicir, un 85 por cento máis; con este ritmo de actividade, o número total de intervencións superará as 22.000 anuais”.
 Nas ultimas semanas leváronse a cabo tamén outras melloras nos quirófanos do hospital do Meixoeiro, con actuacións na comunicación dentro do bloque cirúrxico, a instalación dunha nova mesa de quirófano, de lámpadas cirúrxicas e de monitores adicionais. Ademais, instalouse un quirófano integrado.
Novas dependencias para as probas de glicosa
 O conselleiro aproveitou para visitar o novo dispositivo asistencial dispoñible para a realización das probas das curvas de glicosa nas mulleres xestantes, emprazado na planta 0, tras realizar unhas obras de adaptación dos espazos. Precisamente o próximo xoves, día 1 de setembro, as usuarias que teñan que realizarse esta proba estrearán estas instalacións.

 Ademais, achegouse á Unidade de Lesionados Medulares, que xa está funcionando desde a pasada semana.
Próximo investimento de 22,5 millóns de euros
 O máximo responsable da sanidade pública galega confirmou que xa saíu a licitación o concurso do novo laboratorio central, por un importe de 20,5 millóns de euros, así como as obras de adecuación dos espazos correspondentes, por 1,6 millóns de euros. Tamén está licitada a obra da reforma das cubertas do bloque cirúrxico, por 328.908 euros.

 Entre as próximas actuacións, subliñou as obras da nova área de Microbioloxía, a adecuación de Rehabilitación e a nova Unidade de Mama, na que se integrarán os equipos do Programa galego de detección precoz do cancro de mama, emprazados actualmente na Casa do Mar.
 Lembrou tamén a próxima incorporación á carteira de servizos da Rehabilitación Cardíaca e dunha Unidade de Pluripatoloxía que “será unha unidade esencial que dará unha reposta aos pacientes crónicos, de idade avanzada, e pluripatolóxicos, buscando, na medida do posible, evitar os ingresos hospitalarios e as complicacións inherentes ao mesmo”.
Especialidades de referencia 
 A reordenación sanitaria experimentada na área tras a apertura do hospital Álvaro Cunqueiro rematou coa zonificación e as referencias poboacionais; isto é, coa asignación aos hospitais segundo o lugar de residencia do paciente. Hoxe en día, os centros se especializaron nas prestacións asistenciais e os criterios de atención neles o marcan as necesidades dos pacientes e a súa patoloxía.

 Así, o hospital do Meixoeiro, dispón de servizos e unidades específicas que actúan como referencia para toda a poboación: oncoloxía radioterápica, Unidade de Mama, dermatoloxía, reumatoloxía, xeriatría, alergoloxía, oftalmoloxía, endocrinoloxía, coidados paliativos, Unidade da Dor, medicina nuclear (PET), Unidade de referencia para procesos infecciosos (Ébola), laboratorio central (CORE) e central de esterilización.
 No referido á atención ambulatoria conta cunha Unidade de CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria) , integrada polos servizos de oftalmoloxía, traumatoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, neurocirurxía, uroloxía; cirurxía vascular; xinecoloxía, dermatoloxía, mama, otorrinolaringoloxía e cirurxía plástica.
 En canto a súa dotación tecnolóxica, o hospital dispón duns medios diagnósticos e terapéuticos de primeiro nivel, como cunha Unidade de Radioterapia con catro aceleradores lineais, equipamento de braquiterapia oncolóxica, un mamógrafo 3D con tomosíntese, dous TCs, resonancia magnética, radioloxía dixital directa, PET-TC, 3 ganmacámaras, e laboratorio CORE (nos próximos meses).
Unidade de Críticos 
 O conselleiro de Sanidade fixo especial fincapé en lembrar que no hospital do Meixoeiro existe unha Unidade de Críticos, dependente do Servizo de Anestesioloxia e Reanimación, perfectamente dotada tanto a nivel de recursos humanos como materiais. Conta con 3 camas e dispón da presenza dun anestesista e persoal de enfermaría específico as 24 horas do día, os sete días da semana.

 Esta presenza garante, sen ningunha dúbida, a atención crítica de calquera paciente que o precise no hospital e así o ten demostrado a actividade desta unidade, cunha media de 20 pacientes atendidos mensualmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario