8 de ago. de 2016

VIGO

López-Chaves reitera que o retraso na construción do aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro foi causado polo concello 

O delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, explicou esta mañá que o Concello de Vigo “presentou a documentación cun retraso de sete meses”

Insistiu en que este retraso manifesta “unha falta de vontade ou dilixencia por parte do Concello de Vigo” 

López-Chaves informou de que unha vez que remate o prazo de alegacións, esta fase do proceso podería rematar en setembro  

O delegado territorial da Xunta de Galicia tamén falou das novas sobre o convenio do autobús a Peinador co Concello de Vigo

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves

Infogauda / Vigo 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, convocou hoxe unha rolda de prensa co obxectivo de “aclarar definitivamente” a realidade da situación relativa ao aparcadoiro do Hospital Público Álvaro Cunqueiro.  

 López-Chaves afirmou que o Alcalde de Vigo está “faltando á verdade” cando di que é a Xunta de Galicia a que está retrasando o aparcadoiro e explicou que “para solicitar algo é necesario presentar a documentación”, referíndose aos “7 meses de retraso” que demorou o Concello de Vigo en presentar o proxecto.  

 O delegado territorial da Xunta recordou que o alcalde Abel Caballero, en setembro do ano pasado, anunciou a construción dun aparcadoiro municipal para o hospital que, segundo dixo naquela ocasión, estaría rematado na primavera de 2016. Sen embargo, e coma explicou, foi o 9 de xuño cando o Concello de Vigo presentou o proxecto. Recordou ademais que dende a Consellería de Infraestruturas se lle solicitara previamente, e ata en dúas ocasións: 9 de novembro e 4 de decembro, que presentase o proxecto.  

 López-Chaves afirmou que este “retraso de 7 meses”, desde o 9 de novembro, manifesta “unha falta de vontade ou dilixencia por parte do Concello de Vigo” e destacou que dende a presentación do proxecto por parte do Concello, a Xunta de Galicia tan só tardou 10 días en publicalo. López-Chaves informou de que actualmente o proxecto está a pasar por unha “tramitación ordinaria esixida pola lei” e unha vez rematado o prazo de alegacións, esta fase do proceso podería rematar en setembro.  
Autobús a Peinador  
 Respectivamente o asunto do autobús a Peinador, dende a Xunta de Galicia informouse de que foi recibido un correo enviado desde o Concello de Vigo no que se solicita unha reunión para aclarar unhas correccións técnicas no proxecto, mentres que o alcalde de Vigo, Abel Caballero afirmou publicamente que estaba de acordo co convenio. Coma explicou López-Chaves e ante esta situación, a Directora Xeral de Mobilidade, Helena de Lucas deu ao Concello dúas alternativas: que se están de acordo co convenio que o tramiten, ou se é realmente necesaria algunha modificación que informen previamente da corrección para que os técnicos da Xunta poidan analizala antes de formalizar a reunión.  

 López- Chaves recordou que aínda que esta é unha liña de competencia municipal, a Xunta financiará o servizo de transporte público ao aeroporto de Vigo. Ademais precisou que está será a “única ruta municipal financiada polo Goberno galego” e que sempre manifestouse a disposición a cooperar co Concello para mellorar este servizo. Con este proxecto a Xunta de Galicia pretende ofrecer solucións de calidade aos vigueses e aos usuarios do aeroporto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario