PRESIDENCIA SUBSTITUIRÁ OS VIDROS E FIESTRAS DO EDIFICIO XUDICIAL DE TUI PARA GAÑAR EN EFICIENCIA ENERXÉTICA
· O xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro comprobou tecnicamente as necesidades destas instalacións
O xefe territorial de Presidencia en Pontevedra, Ramón Pereiro, visitou, esta mañá, os xulgados de Tui
Infogauda / Tui
O xefe territorial de Presidencia en Pontevedra, Ramón Pereiro, visitou, esta mañá, os xulgados de Tui para coñecer tecnicamente a situación actual do edificio destacando a posta en marcha nas próximas semanas de obras de mellora que permitirán gañar en eficiencia enerxética.
Pereiro estivo acompañado nesta visita pola xefa do Servizo de Xustiza, Marta Mariño, e polo xefe do Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas, José Manuel Rodríguez Ruibal.
“Estamos a traballar para buscar solución a un dos problemas máis habituais que é a da situación climatolóxica do edificio de cara a mellorar a calidade de habitabilidade deste edificio para funcionarios e usuarios”, explicou Ramón Pereiro.
En concreto, destinaranse 30.000 euros para a substitución de vidros e fiestras en todo o edificio xudicial de Tui, “xa que o goberno galego considera fundamental dispoñer de infraestruturas xudiciais de calidade, acordes coas necesidades dos profesionais do sector e que permitan dar un axeitado servizo á cidadanía. Por esta razón, estamos asignando importantes recursos ao mantemento e mellora dos xulgados da provincia, como o de Tui, co fin de manter estas edificacións en óptimas condicións de utilización”.
Estas obras se atopan incluídas no plan de eficiencia e aforro 2016-18 que ten coma obxectivo optimizar o aproveitamento enerxético dos edificio xudiciais de toda Galicia. Xa nos anos 2014-15, a Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza levou a cabo actuacións en materia de eficiencia enerxética en sedes xudiciais, centrándose na substitución de caldeiras de combustibles convencionais por caldeiras de biomasa, entre outras en Marín e Tui.
“Coas obras que se van a executar nos xulgados da provincia o que se pretende facer é optimizar o aproveitamento enerxético, con medidas encamiñadas a promover o aproveitamento eficiente da enerxía e con apoio á xeración de enerxía con menores emisións de gases contaminantes á atmosfera a través de enerxías renovables”, engadiu Pereiro. En total, en Galicia investiranse 2,4 millóns de euros, dos cales 213.500 corresponderán á provincia de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario