30 de ago. de 2016

OIA

O XEFE TERRITORIAL DE MEDIO AMBIENTE ANALIZOU COA ALCALDESA DE OIA OS TRABALLOS DE MELLORA DO ENTORNO DA CASA CONSISTORIAL  

· Alberto Fuentes foi invitado pola rexedora para estudar os detalles da execución destas obras de humanización que se inclúen no Plan Hurbe

· Suporá potenciar o espazo para o uso e disfrute dos vecinos cambiando o chan e plantando césped, así como instalando unha nova escultura 
  
Cristina Correa, alcaldesa de Oia, supervisa co xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, Alberto Fuentes, o proxecto de execución das obras de humanización do entorno da casa consistorial

Infogauda Oia 

 O xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, Alberto Fuentes, visitou o concello de Oia, invitado pola alcaldesa da localidade, Cristina Correa, co obxectivo de analizar o proxecto de execución das obras de humanización do entorno da casa consistorial que se desenvolverán a través do Plan Hurbe.   

 Estes traballos executaranse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Oia a través do cal se destinarán case 60.000 euros para instalar novas cimentacións e pavimentos, así como axardinamento de todo o entorno, xestión de residuos e instalación dunha nova escultura. “Con esta obra pretendemos dar unha solución a todo este espazo que se atopa degradado a causa do paso do tempo”, explicou Cristina Correa, quen engadiu que “pretendemos potenciar un espazo para o ouso e goce dos veciños, tendo en conta que se trata dun lugar cunha especial vinculación visual co océano atlántico e máis co Mosteiro da nosa localidade”.   

 O espazo á esquerda da casa consistorial será saneado coa semente de céspede e co saneamento das xuntas do actual pavimento de pedra, “e poñeremos unha escultura conmemorativa”, rematou a rexedora.  

 Segundo apuntou Alberto Fuentes, “este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social”.  

 Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido desde a súa posta en marcha un total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

Ningún comentario:

Publicar un comentario