25 de ago. de 2016

TOMIÑO

A Agrupación Musical de Goián presenta en concerto “Unha noite de amor con Lela” 

A actuación terá lugar este venres día 26 de agosto, ás 22:00 h., na Praza do Seixo e forma parte da programación cultural de verán organizada polo Concello     


 Infogauda / Tomiño

A Agrupación Musical de Goián presentará este venres día 26 de agosto, ás 22:00 h., na Praza do Seixo, o concerto “Unha noite de amor con Lela”, xunto a Silvia Ferre (voz), Belén Xestal (narradora) e Alfredo Susavila (piano).  

 A actuación forma parte da programación de verán “O Son da Praza”, organizada pola Concellaría de Cultura, que dirixe Cristina Martínez; unha programación que rematará o sábado día 27 de agosto, co espectáculo “Son galego, son cubano” do recoñecido músico Roi Casal e homenaxe a Neira Vilas.  
Argumento do concerto “Unha noite de amor con Lela”  Lela é un dos personaxes da obra de Alfonso D. Castelao “Os vellos non deben namorarse”; unha das obras máis populares do teatro galego.  

 A temática do concerto é o amor nas súas diferentes persenzas e momentos. A través da narradora, introdúcense reflexións de caracter poético, e incluso irónico, que sirven para dar un fío argumental a través dos pensamentos, lembranzas e sentimentos de Lela.  

 Lela era unha moza atolada que enredaba con Don Saturio pero casou cun carabineiro para non vestir santos. Cando o seu esposo morre de tise, ela decide emigrar á Arxentina coa ilusión de atopar o verdadeiro amor.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario