31 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

Os xardíns da sede de Turismo Rías Baixas acollen o acto de peche dos #RíasBaixasfests 2016 

O acto, ao que asistirá a Presidenta da Deputación, contará coa actuación do grupo indie pop pontevedrés La Casa de los Ingleses 


Infogauda / Pontevedra

 Este xoves día 1 de setembro ás 12:30 horas os xardíns do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollen o acto de peche dos "Festivais Rías Baixas" 2016. Ao acto asistirán a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo, Santos Héctor, así como as persoas promotoras, organizadoras e patrocinadoras de cada un dos sete festivais que conforman a marca #RíasBaixasFests e os alcaldes das sete vilas onde tiveron lugar, isto é: Cultura Quente (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), PortAmérica (Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (a Illa de San Simón en Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa).  

 O acto será amenizado pola banda indie-pop La Casa de los Ingleses, grupo pontevedrés que publicou en maio do ano pasado o seu primeiro EP, "Punto de partida", considerado pola prestixiosa revista de música alternativa Mondo Sonoro como unha das dez mellores demos galegas de 2015. 

 Desde a Deputación de Pontevedra lembran "que por primeira vez se impulsou a creación dunha marca que acolle sete dos principais festivais de verán da provincia de Pontevedra, permitindo reunir as súas sinerxías para construír unha oferta integrada de ocio e cultura moi vencellada á provincia de Pontevedra respectando as identidades propias de cada un deles". 

 Adxuntamos ademais a ligazón do vídeo que recolle algunhas das imaxes que deixaron os "Festivais Rías Baixas" ao seu paso pola provincia de Pontevedra. 

 A banda sonora da peza ("Little Noisy Bunny") pertence ao grupo pontevedrés Furious Monkey House, composto por Mariña, Carlota, Amaya, Irene, Manu e o seu mono furioso. Os seus integrantes comezaron a tocar xuntos en marzo de 2014 empurrados pola súa paixón pola música. A día de hoxe contan cun disco no mercado que non para de colectar éxitos, "Run", que foi gravado nos míticos estudios Abbey Road de Londres, por onde pasaron artistas e bandas históricas como The Beatles, Rolling Stones e Pink Floyd. Con influencias do rock dos 90, os Furious Monkey House chegaron para arrasar, e mesmo compuxeron "Life Into The Wild", o tema principal da película "Zipi y Zape y la isla del capitán".

Ningún comentario:

Publicar un comentario