A Xunta de Galicia destaca que o Programa integrado Mos 3.0 contribúe á formación e o acceso ao mercado laboral
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura desta iniciativa que mellora a cualificación de 90 persoas desempregadas
Impartíronse dúas accións formativas para a creación de aplicacións de teléfonos móbiles e a preparación da proba libre da ESO
Subliñou a importancia destes programas para impulsar a cualificación profesional dos participantes e o seu emprendemento
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura desta iniciativa que mellora a cualificación de 90 persoas desempregadas
Infogauda / Mos
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do Programa Integrado de Emprego Mos 3.0, unha iniciativa apoiada desde a Xunta e a través da cal 90 alumnos e alumnas recibiron formación para facilitar o seu acceso ao mercado laboral.
Covadonga Toca indicou que este programa ofrece unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, impulsando o uso das novas tecnoloxías, ao tempo que achega aos participantes a oportunidade de acceder a un emprego. Un total de 90 persoas desempregadas e inscritas como demandantes nas oficinas de emprego en Mos, con especial atención aos colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, participaron no Programa Integrado Mos 3.0.
Impartíronse dous cursos -creación de aplicacións para teléfonos móbiles e preparación da proba libre da ESO- a través dos que, ademais de incidir na formación, se executaron accións dirixidas á prospección empresarial e á orientación laboral. Así, mantivéronse prospeccións en máis de 100 empresas e entidades e realizáronse 43 accións formativas, cunha media de participación de 12 persoas por curso.
A secretaria xeral de Emprego puxo en valor a importancia da cooperación entre a Administración autonómica e os concellos para o desenvolvemento destes plans. Así, tras a clausura do primeiro Programa Integrado de Emprego Mos 3.0, está previsto empezar este ano unha segunda edición dirixida a 60 persoas desempregadas e que se encontren inscritas como demandantes nas oficinas de emprego de Mos. Neste caso, as accións formativas diríxense sobre todo a persoas menores de 30 anos.
Aos programas integrados súmanse os obradoiros de emprego, centrados na realización de obras ou na prestación de servizos de interese xeral e social. Cada obradoiro ten unha duración de 6 meses e alterna formación e práctica profesional co obxectivo de mellorar a aprendizaxe, a cualificación e adquisición de experiencia profesional, ao tempo que fomenta o emprendemento. Covadonga Toca apuntou, por último, que tanto os programas integrados como os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta a través da que en Galicia se impulsa a formación,a capacitación e a especialización.

Ningún comentario:
Publicar un comentario