29 de ago. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia colabora co colectivo LGTBI na defensa dos intereses das lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe catro convenios de colaboración coas asociacións Ultreia, Nós Mesmas, ALAS Coruña e ARELAS

O Goberno galego contribuirá na realización de actividades que avancen no fomento da visibilidade, sensibilización e da non discriminación do colectivo LGTBI 

Galicia foi a primeira comunidade autónoma cunha lei que consolida a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe catro convenios de colaboración con representantes dos colectivos LGTBI de Galicia
Foto: Conchi Paz

Infogauda / Santiago de Compostela

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe catro convenios de colaboración con representantes dos colectivos LGTBI de Galicia, para o fomento de actividades de promoción e defensa dos dereitos e intereses das lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia.
 A través destes convenios o Goberno galego achega un total de 12.000 euros ás asociacións Ultreia LGTBI, Nós Mesmas, Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS Coruña) e á Asociación de Familias de Menores Trans (ARELAS).
 Con esta axuda, as catro entidades levarán a cabo actividades e programas dirixidos á promoción, aplicación e desenvolvemento de actuacións e medidas destinadas a avanzar no fomento e a promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade, sensibilización e da non discriminación do colectivo LGTBI.
 As asociacións poderán desenvolver campañas de información social; programas orientados á normalización da sexualidade e a diversidade; acompañamento, atención e asesoramento; elaboración de materiais didácticos; ou actuacións para previr e intervir ante condutas de discriminación ou de posible acoso, violencia de xénero e/ou maltrato infantil que puideran producirse por razón de orientación ou identidade de xénero, entre outras actividades.
 Outro dos obxectivos desta colaboración é fomentar o asociacionismo LGTBI, dando visibilidade ás accións, programas e campañas que se desenvolvan estas entidade co fin de favorecer a participación, a concienciación e a sensibilización de toda a sociedade en conceptos como igualdade, dignidade e respecto do colectivo LGTBI.
 O acto de hoxe avanza no cumprimento da Lei pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, un texto aprobado en 2014 froito do consenso político dos grupos parlamentarios e que converteu a Galicia na primeira autonomía cunha lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario