8 de ago. de 2016

A GUARDA

O BNG esixe explicacións ao alcalde pola falta limpeza na zona do porto da Guarda  

Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello): “Ás 10:30 h da mañá había 30 graos e tiñamos o lixo sen recoller, isto non é un servizo de calidade”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Foto:BNG


Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego considera inaceptábel a situación que se viviu na zona do porto esta fin de semana pola deficiente recollida e limpeza dos contedores de lixo”, afirmou o portavoz municipal nacionalista, Ángel Luis Baz Vicente

 O BNG - engadiu Ángel Luis Baz - faise eco do malestar de veciños, restaurantes e clientes que, ante a falta dunha recollida efectiva do lixo, non aguantaban cos cheiros e a visión duns contedores que non deixaban de estar repletos de lixo sen que o concello actuase para a súa recollida e limpeza.  

 “O sábado ás 10:30 h da mañá había 30 graos e tiñamos o lixo sen recoller. Non se pode presumir de vila turística e non facer esforzos para que os turistas se sintan cómodos”, comentou o portavoz municipal do BNG.  

 Dende o BNG, lembran que xa houbo un episodio parecido durante a festa do peixe espada, no que os contedores estaban sen limpar, cos xa coñecidos cheiros desagradábeis

 O BNG critica a nova ordenanza do lixo  
 O BNG presentou unha serie de alegacións á nova ordenanza do lixo. As alegacións nacionalistas pretenden que o concello non desatenda as súas obrigas de mantemento da recollida e limpeza dos lugares onde están situados os puntos de recollida do lixo, algo que está a incumprir reiteradamente, denuncia o concelleiro do BNG,  Xan Lois Lomba Alonso. 

 “Coa actual ordenanza o goberno ten a obriga de recoller o lixo e limpar os contedores, coa nova ordenanza elimínase esta obriga. Iso si, incrementan o apartado de multas”, sinala Xan Lois Lomba.  

 Segundo afirmou Xan Lois a este xornal dixital o BNG esixe explicacións e unha acción inmediata de limpeza e recollida de lixo sabendo as datas que se aproximan para o noso concello e estando en pleno período estival.

Ningún comentario:

Publicar un comentario