5 de ago. de 2016

A GUARDA

CULTURA

MÁIS DE MEDIO MILLAR DE PERSOAS XA SE ACHEGARON Á EXPOSICIÓN “CAMIÑOS DA IMAXE. ARQUIVO DE JOAQUÍN GARCÍA PORTELA” 

Pódese visitar na Casa dos Alonso (Praza do Reló), ata o día 15 de Agosto  

Coa visita á exposición “Camiños da Imaxe”, moitos guardeses identifican polos seus nomes e apelidos, e mesmo polos alcumes, a moitas persoas que foron fotografadas por Joaquín García Portela "Costiña" 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A exposición “Camiños da Imaxe”, que mostra a obra fotográfica e os filmes familiares e etnográficos do autor guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, está a ser todo un éxito. Xa a visitaron máis de medio millar de persoas, cunha media de visitantes ó día que supera as 40 persoas.  

A exposición está obtendo unha resposta moi positiva do respectable público
Foto: C.A.G.

 Tras a multitudinaria inauguración do pasado venres día 22 de xullo, na que os asistentes xa amosaron un gran interese por esta iniciativa, a acollida posterior da exposición está a ser moi boa. Polo momento achegáronse máis de 600 persoas ata a Casa dos Alonso atraídas pola calidade das obras que compoñen a exposición, na que tamén moitas persoas procedentes da Guarda ou descendentes de guardeses buscan se hai algún familiar entre as persoas retratadas polo fotógrafo.  

Nas vitrinas pódense ollar obxectos e fotografías persoais do fotógrafo e da súa familia
Foto: C.A.G.


 Na exposición, organizada polo Concello da Guarda e comisariada por Proxecto Socheo, atópanse imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais do fotógrafo que ilustran a súa biografía e poden verse os seus filmes familiares. Foi o descubrimento destes filmes, que foron realizados entre os anos 1926 e 1929 e que supoñen ata o día de hoxe as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés, o que motivou a creación da mostra. Por iso os filmes ocupan un lugar especial na  exposición, que inclúe unha sala de proxección para poder ver estes vídeos protagonizados sobre todo por Celia e Consuelo García Ferreira, fillas de Costiña, pero que tamén amosan paisaxes locais como a costa, o Monte Santa Trega, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo), todo coa montaxe orixinal do autor sen alteracións.  

Fotograma extraído por Proxecto Socheo, de un dos filmes de Joaquín García Portela "Costiña"


 Polo momento o que máis está a chamar atención dos visitantes é o arquivo dixitalizado das fotografías que se atopa á entrada da mostra. Alí, entre as máis de 500 imaxes, os guardeses xúntase para tratar de recoñecer ás persoas retratadas, o que fai que acaben por saír alcumes, nomes e apelidos, historias e anécdotas protagonizadas por familias e persoas que habitaron A Guarda naqueles anos. Ademais, o outro punto da exposición que máis éxito ten é a citada zona de proxección, pois nos filmes poden recoñecer paisaxes, xentes e lugares da vila e ver como eran nos anos vinte do século pasado.  

 Estamos, por tanto, ante unha exposición que está a ser todo un éxito e que continuará aberta ó público durante todas as Festas do Monte Santa Trega, ata o día 15 de agosto, cun horario de apertura que de martes a sábados é de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e os domingos e festivos será de mañá, de 12:00 a 14:00 horas. 

 Anímase a que todo o que o desexe aproveite esta última semana para achegarse a ver a obra do pioneiro do cinema da Guarda nunha exposición moi especial para todo o Concello da Guarda pola importancia de Costiña na historia cultural da vila. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario