4 de ago. de 2016

A GUARDA

MÁIS TROULA, DEPORTE E CULTURA, AMENIZARÁN A PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE AGOSTO NA GUARDA

evento multideportivo e multicultural Galifornia Beat, desenvolverase o sábado día 6 de agosto no entorno da Atalaia e no porto de A Guarda

Infogauda / A Guarda


 Esta fin de semana será a primeira do mes de agosto, un mes moi importante para A Guarda, pois nel se celebra a festa por excelencia da vila: as Festas do Monte Santa Trega. Para dar a benvida a este mes como se merece, este sábado e domingo A Guarda ofrecerá todo tipo de actividades de lecer, deportivas e culturais para desfrutar do tempo libre.  


 Unha das actividades máis destacadas é a que acollerá o sábado día 6 a Atalaia do Porto da Guarda: a II edición do Galifornia Beat. Este evento multideportivo e multicultural está a acadar unha gran sona no seu curto tempo de vida, tras o gran recibimento da súa primeira edición. Dende as 10:00 horas e ata a medianoite cítanse tres vertentes do skate, diferentes demostracións de deportes minoritarios como a escalada ou o hockey e o gran atractivo da xornada: o flyboard, unha actividade que permite ós que a practican “voar” sobre o mar grazas a un dispositivo que bota chorros de auga a propulsión. Poderá practicarse durante todo o día, con reserva de prazas, pois son limitadas. Outro dos atractivos desta edición é o Workshop de breakdance impartido por Bboy Kawa, responsable da batalla de breakdance do Marisquiño. Este Workshop darase entre as 17:00 e 19:00 horas e os que o desexen poden inscribirse no Facebook de Galifornia.  




 A outra gran cita da fin de semana na Guarda é coas Festas de San Caetano, que terán lugar no Barrio da Cruzada. Nesta celebración a Comisión de Festas de San Caetano ofrecerá un diverso entretemento durante os días 5, 6 e 7 de agosto. O venres día 5 comeza a celebración collendo forzas para os tres días de troula, cunha sardiñada a partir das 21:00 horas. 

 O sábado destaca a verbena que haberá a partir das 22:30 horas coas orquestras Condor e California. E o domingo día 7 ás 11:30 horas, terá lugar a celebración eucarística, e xa pola tardiña, ás 19:00 horas, as tradicionais puxas.  

Vista parcial da sala de exposicións da Casa dos Alonso, onde continíua aberta o público a mostra “Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela”
Foto: Infogauda

 Ademais durante toda a fin de semana poden visitar dúas destacadas exposicións fotográficas. Na Casa dos Alonsos continúa aberta ao público a mostra “Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela” na que se pode ver a obra fotográfica e os filmes familiares e etnográficos dese fotógrafo guardés coñecido como “Costiña”. Estará dispoñible para o público ata o 15 de agosto. Para visitala o horario de apertura de martes a sábados é de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. Os domingos e festivos será de mañá, entre as 12:00 e as 14:00 horas.  


 A segunda das exposicións que se poden visitar é “Un mar de emocións”, no Centro Cultural da Guarda, ata o 20 de agosto. Esta mostra reúne unha mirada ao mar de 19 autores e o horario é de luns a sábado de 10:30 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e os domingos de 19:00 a 22:00 horas.   

 Así o deporte, a cultura e o lecer volven a ter a súa cabida unha fin de semana máis na Guarda, onde os visitantes, e veciños tamén poderán desfrutar do bo tempo descansando nas súas numerosas praias e admirando as fermosas paisaxes da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario