1 de ago. de 2016

A GUARDA

Deputación de Pontevedra e Concello asinan o convenio para poñer en valor o sendeiro litoral da Guarda 

Carmela Silva subliña que a institución provincial achega o 80 por cento do valor das obras para reposición e a mellora do firme e a sinalización do roteiro  

Carmela Silva e Antonio Lomba Baz, asinando o convenio de colaboración
Foto: D. P.

Infogauda / A Guarda

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, asinaron este luns día 1 de agosto, no Pazo Provincial un convenio de colaboración para poñer en valor o Sendeiro Litoral da Guarda, un dos once sendeiros azuis recoñecidos este ano na provincia de Pontevedra, a provincia española con máis distintivos deste tipo.  

 Tras a sinatura, Carmela Silva salientou que, con esta iniciativa, Deputación e concellos "apostamos por poñer en valor os sendeiros azuis da nosa provincia porque somos conscientes que teñen un enorme poderío de atracción turística". A Presidenta explicou que cada vez é maior o número de visitantes que "demandan espazos máis paisaxísticos, demandan poder camiñar, queren ter actividades ligadas coa natureza" e de aí a importancia de coidar e impulsar os espazos naturais da provincia con actuacións coma esta na Guarda.  

 Silva destacou ademais que a provincia de Pontevedra segue á vangarda de España en canto a recursos turísticos, xa que con once sendeiros azuis recoñecidos é a provincia española con máis distintivos deste tipo. "O sendeiro azul da Guarda une ademais dúas praias nun entorno de extraordinaria beleza medioambiental, unindo ademais río e océano nun espazo impresionante", asegurou a Presidenta para concluír a importancia de coidar estes espazos.  

 Pola súa parte, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, resaltou tamén a importancia da colaboración entre administracións para mellorar o patrimonio natural da provincia. "Somos unha vila turística con dúas praias con bandeira azul e un sendeiro espectacular que as une, e polo tanto, todo o que poidamos facer neste eido vai redundar en beneficio de toda A Guarda e de toda a xente que nos visita", manifestou.  

 Lomba explicou que o Sendeiro Azul da Guarda une a praia marítima de Area Grande coa praia fluvial do Muíño, incluíndo tamén a Ruta das Cetáreas, "un sendeiro espectacular á beira do mar, moi transitado e moi visitado sobre todo agora nestes meses de verán, así que nos parece fantástica esta iniciativa da Deputación para poder facer melloras e darlle pulo".  

 Segundo o convenio asinado, as actuacións que se van acometer no Sendeiro Litoral da Guarda consisten na reposición e reparación de firme, así como en melloras na sinalización, cun orzamento global de 16.666,65 €. A Deputación aporta o 80%, en concreto 13.333,32 €, mentres que o municipio achega o 20% restante, 3.333,33 €.  

 Este convenio enmárcase nun plan conxunto que ten a Deputación, en colaboración cos concellos, para a posta en valor dos sendeiros azuis da provincia, cun investimento global de 183.333,26 €, dos que a Deputación aporta o 80% e os municipios o 20%. O de hoxe coa Guarda é o cuarto convenio deste tipo asinado, despois dos de Ponte Caldelas, Nigrán e Baiona.  

 Nestes meses, dende a Deputación continuaranse asinando os outros convenios para mellora dos restantes sendeiros azuis da provincia: o Roteiro de Donón (en Cangas), Cabo Udra (en Bueu), Senda Bao-Xestelas (na Illa), Sendeiro Azul Ruta das Praias (en Marín) e os tres que existen en Vigo (Camiño a Beiramar, Senda entre Faros, Senda Litoral e do Monte da Guía). Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais do seu contorno, contribuíndo así ao uso sostible do litoral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario