A
CIG convoca unha nova xornada de folga nos centros de chamadas
O vindeiro
11 de xullo os 8.000 teleoperadores e teleoperadoras de toda Galiza están
chamados a unha nova xornada de folga sectorial de 24 horas, ante a situación
de bloqueo da negociación do Convenio Colectivo Estatal de Contact Center
(antigo telemárketing).
Despois de 20 meses de reunións a negociación
do novo Convenio Colectivo Estatal mantense bloqueada pola intención da
patronal de empeorar as condicións laborais, dun colectivo que xa sofre unhas
condicións tremendamente precarias.
O persoal
dos centros de chamadas, que son a voz de grandes empresas e administración
públicas, sufren unhas condicións extremadamente precarias: baixos salarios;
contratos a tempo parcial; temporalidade; ritmos de traballo esgotadores; son
as condicións xerais nun sector no que son laborais as 24 horas os 365 días do
ano. Incluso en moitas empresas o persoal sofre un acoso laboral organizado e
estruturado.
O sector medra en facturación ano a ano, pero as empresas manteñen 25.000 postos de
traballo deslocalizados en terceiros países. Son 25.000 postos de traballo
que se perden aquí, de atención á clientela do Estado Español.
Moitas persoas identifican aos teleoperadores/as
coa venda telefónica, nada mais lonxe da realidade, esa é unha parte pequena da
actividade do sector. Cada vez os servizos
son mais especializados e requiren unha maior formación, van dende a banca
telefónica, ao mantemento de redes informáticas de internet; ata teléfonos de
administracións e organismos públicos.
Esta non é a primeira folga deste persoal. Ao longo
deste ano foron convocados paros dunha hora (en febreiro e maio) e outra
xornada de folga en abril.
A folga foi convocada en solitario pola CIG
primeira forza sindical do sector en Galiza, e conta co apoio do resto de
sindicatos en Atento na Coruña, pero non no resto de empresas do país.
Ao tempo están convocadas concentracións en Vigo (na Farola de Príncipe ás 11 da maña), na Coruña (diante de diversas empresas que
teñen subcontratadas a empresas de telemarketing, dende as 12 da maña na rúa
Juan Florez e na Praza de Pontevedra) e en Lugo
(ás 12:00 diante das instalacións da empresa Abante no Polígono do Ceao).
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario