12 de xul. de 2016

GALICIA

Sanidade e a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue colaboran no fomento da hemodoazón 

O conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación, Manuel Fonseca Gómez, asinaron hoxe un convenio con este obxectivo

O conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación, Manuel Fonseca Gómez, asinaron hoxe un convenio con este obxectivo

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento, por parte desta Federación, da promoción da hemodoazón con todos os medios ao seu alcance, en coordinación co Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
 No desenvolvemento destes programas, a asociación atenderá toda a demanda que se xere neste período respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade.
 Neste senso, segundo o acordo asinado hoxe, a Federación cumprirá as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas polo Sergas; fomentará a doazón por toda a xeografía galega a través de distintos medios -charlas, carteis, trípticos, etc.-; e informará aos cidadáns da importancia de colaborar na cobertura das necesidades de sangue e hemoderivados nos centros sanitarios galegos.
 Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde achegará 58.200 euros para o cumprimento deste convenio. O acordo estará vixente ata o 31 de decembro deste ano.
 A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa a distintas asociacións que teñen como fin a promoción da hemodoazón en Galicia baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
 Con ese obxectivo, participan en campañas de radio e televisión, reparten materiais informativos, percorren concellos contactando directamente coa xente, promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doadores nas súas oficinas, persoal e telefonicamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario