9 de xul. de 2016

CULTURA

A Xunta de Galicia celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe a Carlos Casares no Día das Letras 2017 

A Consellería de Cultura e Educación salienta a ampla produción bibliográfica do escritor ourensán, que o converte nunha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas

Infogauda / Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2017 a Carlos Casares, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle renderán ao escritor ourensán o vindeiro ano.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar a ampla produción bibliográfica de Carlos Casares, que o converte nunha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. Cómpre destacar o amplo traballo en prol da nosa lingua e cultura propias dentro da institución que hoxe o escolle como persoeiro ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2017.
Carlos Casares é unha das figuras máis relevantes do panorama literario galego recente, tanto desde a súa faceta como escritor como desde a de crítico literario. Entre a súa extensa obra destacan novelas tan significativas como Os mortos daquel verán ou os libros de relatos Vento ferido Os escuros soños de Clío.
Aínda que optou maioritariamente pola narrativa, especialmente a través de novelas e contos, tamén ten obras de ensaio e investigación. A crítica distingue dúas etapas na súa obra: unha vangardista e anovadora que se inicia en 1967 con Vento Ferido, e outra máis realista que comeza en 1980 con Ilustrísima. Ademais, dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.
Cómpre lembrar tamén outras obras súas como Cambio en tresXoguetes para un tempo prohibido ou Os mortos daquel verán; así como as súas incursións no mundo infantil coa peza de teatro As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas ou o conto titulado O can Rin e o lobo Crispín.
Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, así como coa propia Fundación Carlos Casares e mais a súa familia, para elaborar unha programación que contribúa á difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario