14 de xul. de 2016

A GUARDA

AS FESTAS DA VIRXE DO CARME, O XV ROCK GUARDÉS E O TORNEO DE VOLLEY PRAIA, AMENIZARÁN ESTA VINDEIRA FIN DE SEMANA GUARDESA   
  

Infogauda / A Guarda

 Unha fin de semana máis a axenda cultural e de actividades da Guarda preséntase chea dunha variada oferta que amenizará estes próximos e soleados días de xullo.  

 Durante toda a fin de semana, dende o venres día 15 ata o domingo 17, o Porto da Guarda acollerá a celebración das Festas do Carme, de gran importancia para unha vila de tradición mariñeira como é esta.  

 Nas mañás do sábado e do domingo, teremos pasarrúas co Grupo de Gaitas da Terceira Idade da Guarda. Estas festas tamén inclúen un concerto de Bandas de Música o venres ás 22:30 horas. O prato forte da fin de semana terá lugar o sábado, a partir das 11:00 horas, cando comezará a procesión, a  misa cantada pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e a tradicional ofrenda floral aos náufragos no Porto. Xa pola tarde, haberá unha regata de gameliñas, seguida dun espectáculo de maxia e a verbena a cargo da Orquestra Caramelo e o Grupo Fama. 


 Dentro da programación desta fin de semana para as Festas do Carme destaca a celebración da XV Edición de Rock Guardés. Este tamén terá lugar no Porto da Guarda e contará coas actuacións de Bieito Solo e as bandas Mad Martin Trío, Helen & Shanna e Indomables. 


 Os amantes dos deportes tamén terán unha cita esta fin de semana co Torneo de Volley praia que acollerá A Guarda este sábado e domingo, días 16 e 17 de xullo. Neste disputarase o Campionato Senior de Galicia, o sábado será a competición a nivel galego e o domingo será a quenda da competición amateur.  

A sala de exposicións do Centro Cultural acolle a mostra de dibuxos e gravados “Casas de luz”, de Mariano Castillo
Foto: Infogauda

 Tamén queremos lembrar que este venres é o último día para visitar a fermosa exposición “Casas de luz”, con grabados de Mariano Castillo sobre os faros galegos que se atopa no Centro Cultural e convidar unha vez máis a todos os que o desexen a desfrutar da que seguro que será unha fin de semana inesquecible na Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario