12 de xuño de 2016

PONTEVEDRA

Seis municipios recibirán máis de 111.000 € para actividades culturais e deportivas dentro do Plan Concellos 2016 

Trátase de contías enmarcadas na liña 3 do Plan Concellos, do que xa leva executado o 90% cuns investimentos de 1.342.439,65 € 


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un total de 111.780,43 € en axudas para seis municipios da provincia dentro da liña 3 do Plan Concellos 2016, que financia actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais. Os municipios que percibirán os importes aprobados son Cuntis, Gondomar, A Illa, Ponteareas, Tui e Vilagarcía de Arousa.  

 Con estas novas achegas, está a piques de completar a totalidade prevista para a liña 3 do Plan Concellos. En concreto, o grao de execución no que vai de ano é do 90%, cuns investimentos ata agora de 1.342.439,65€.  

 Segundo as achegas aprobadas, o concello de Cuntis percibirá 10.845,43 € para financiar os programas Cuntis Arte-Sano e Habilitas Fogar. Gondomar vai recibir 20.960 € para o Conservatorio Elemental de Música, a Aula de Teatro Pritis Guomins, Cinema na Rúa 2016 e os cursos e actividades para persoas maiores. Para Ponteareas  aprobáronse unhas contías de 41.000 € para as Festas de Setembro, a Festa do Corpus Christi e a Escola de Música e Conservatorio. 

 Na Illa investiranse 1.300 € para as actividades Sociais-arte e Memoria 2016. Tui vai recibir un total de 30.819 € para a Cabalgata de Reis, o Entroido e os gastos de funcionamento da Escola de Música e do Conservatorio de Música. Vilagarcía vai recibir 6.856 € para o programa de actividades no eido da igualdade e prevención da violencia de xénero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario