César Mosquera: "queremos instar expresamente ao PP a que dea orde de parar esta tolería"
O vicepresidente, no nome de todo o goberno da Deputación, asegura que o denominado 'conflito do parque de maquinaria' só responde a unha estratexia de confrontación continuada dirixida polo Partido Popular
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, na rolda de prensa de hoxe
Infogauda / Pontevedra
"Nós queremos instar expresamente ao PP a que dea orde de parar esta tolería", afirmou con rotundidade o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no transcurso da comparecencia na que deu conta das novas e graves ameazas aparecidas esta mañá en relación ao chamado 'conflito' do parque de maquinaria. En concreto, apareceron pintadas contra o BNG e o propio Mosquera en concellos como Tomiño, Bueu, Moraña, Barro e Carril, que o vicepresidente cualificou como "dirixidas directamente en clave política, porque un sindicato, como tal sindicato, non fai iso". Ademais, diante da Casa do Concello de Tomiño, onde é concelleiro e tenente de alcalde o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, foi colocada unha coroa de flores fúnebre coa lenda "Uxío, non te deixaremos en paz".
Mosquera asegurou que en relación ao parque de maquinaria "non hai ningún problema máis o que quere montar o PP", e lembrou que "o venres, por exemplo, despois de moito diálogo conseguise un principio de acordo para ver a eficiencia do parque durante un mes; unhas horas despois xa houbo contraorde, non sabemos se de Rueda, que veu aquí á Deputación a apacentar aos seus, de que había que seguir montando todo o lío que puideran." Un cambio de actitude sobre o que o vicepresidente sinalou que "só se entende na clave de que o parque de maquinaria era o brazo armado do PP."
Para enmarcar como se chega a esta situación, César Mosquera lembrou que "de nove plenos que houbo desde que tomamos posesión en xullo, oito remataron en broncas, provocadas directamente polo PP ou por xente que traía o PP". En canto á situación do parque de maquinaria, tanto César Mosquera como Uxío Benítez lembraron que era un grupo de 35 traballadores que dependían directamente de presidencia e do xefe de gabinete do anterior presidente, e que o único que se fixo desde o novo goberno provincial foi adscribilos ao Servizo de Mobilidade, intentar regularizar as súas xornadas e orientar o seu traballo cara o mantemento da rede viaria provincial. Unhas medidas que levan implícitas a supresión de determinados privilexios que non se adaptaban á legalidade como o cobro de dietas e pernoctas sen xustificar documentalmente. "Non entendemos ben cal é a súa reivindicación, porque as pernoctas xustificadas séguense pagando", sinalou o vicepresidente.
Pola súa banda, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, lamentou a situación sinalando que "nunca pensei que por desempeñar o cargo de deputado provincial, que eu asumo como un encargo democrático, se puidese chegar a estes extremos." Benítez anunciou que tomará as medidas legais oportunas para garantir a defensa da súa persoa e asegurou que "como deputado reúnome continuamente con alcaldes do PP, aos que respecto e cos que teño unha relación normal e institucional, polo que quero facer un chamamento ao PP e preguntarlles ata onde queren chegar e que queren conseguir".
César Mosquera e Uxío Benítez estiveron acompañados pola deputada Eva Vilaverde, e polos deputados Xosé Leal, Santos Héctor e Carlos Font. Este último como deputado responsable da área de Recursos Humanos asegurou que o que está pasando "non se corresponde en absoluto coa situación" e tamén fixo referencia á xuntanza do pasado venres cos representantes dos traballadores do parque sinalando que "saímos cunha conclusión moi positiva". Font cualificou as novas ameazas como "intolerables nun estado democrático" e asegurou que "isto está tan desmadrado que é inconcebible e inaceptable."
O vicepresidente tamén lembrou as ameazas que fai un mes sufriu un compañeiro do propio parque e asegurou que "a gravidade da situación non nos afecta só a nós, os demais funcionarios téñenlle medo". En referencia ás folgas convocadas os venres puntualizou que son paróns practicamente fóra de horario, xa que comezan ás 12 horas cando os venres rematan a xornada ás 12:30. O vicepresidente, tamén advertiu durante a comparecencia, que no pleno provincial que terá lugar mañá "o PP está intentando traer traballadores de Ence e traballadores de todo o que poida para montar lío, porque cando dixo que ía estender a folga a todos os traballadores da Deputación non tivo ningún eco, e ten que montar o lío por detrás."
Ningún comentario:
Publicar un comentario