27 de maio de 2016

OURENSE

A directora de Turismo participou na presentación da Asociación de Mosteiros do Císter 

Nava Castro enxalza o valor turístico dos mosteiros galegos como dinamizadores das economías locais Galicia conta con 15 mosteiros cistercienses que reúnen 14 declaracións de Ben de Interese Cultural e están considerados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO 

A directora agarda que ACIGAL contribúa á implantación na Comunidade do Itinerario Cultural das Abadías Cistercienses 

Avoga pola cooperación público-privada para conseguir un marco eficiente para o desenvolvemento do turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou o valor turístico dos mosteiros galegos como dinamizadores das economías locais polo seu alto valor patrimonial

Infogauda / Montederramo (Ourense)

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou o valor turístico dos mosteiros galegos como dinamizadores das economías locais polo seu alto valor patrimonial. A directora fixo estas declaracións esta mañá durante a presentación da Asociación de Mosteiros do Císter en Galicia (ACIGAL).
 Nava Castro explicou que Galicia conta con 15 mosteiros cistercienses e que estas construcións teñen un importante significado arquitectónico, histórico e cultural que queda patente coas 14 declaracións de Ben de Interese Cultural que reúnen, así como coa consideración de Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. Por iso, a directora considerou que son un importante reclamo turístico e un factor clave no desenvolvemento das economías locais dos territorios do interior galego nos que se sitúan.
Presentación de ACIGAL
 A directora explicou que para a conservación e promoción destes mosteiros é fundamental a labor que se desempeña dende ACIGAL, entidade de recente creación. Neste sentido, a directora amosou o seu desexo de que a asociación contribúa á implantación en Galicia do Itinerario Cultural das Abadías Cistercienses, declarado polo Consello de Europa e conformado por máis de 200 mosteiros de toda Europa.

 Así mesmo, Nava Castro fixo fincapé no proxecto «Cistercium Experientia» de ACIGAL para achegar á mocidade galega a través das novas tecnoloxías os mosteiros cistercienses da Comunidade: Monfero, Meira, Sobrado dos Monxes, Toxosoutos, Aciveiro, Penamaior, Ferreira de Pantón, Xunqueira de Espadanedo, Oseira, San Clodio, Melón, A Franqueira, Oia, Armenteira e Montederramo.

 Ademais, avogou pola colaboración público-privada e interadministrativa coa finalidade de conseguir un marco eficiente de traballo para o desenvolvemento turístico. Desta maneira, segundo a directora, Galicia contará cunha ampla oferta multiexperiencial e diferencial destinada a todo tipo de turistas, o que contribuirá a seguir coa tendencia positiva do turismo galego, que neste primeiro cuadrimestre do ano incrementou un 7,3% o número de viaxeiros aloxados e un 6,7% as pernoitas en establecementos hoteleiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario